Un festival no que o mal tempo desluciu algunhas das actuacións pero que si permitiu gozar de moitas propostas titiriteiras que na xornada de onte pechaban a XXV edición desta cita obrigada en Redondela. O espectáculo itinerante co xigante de ferro, Aquiles, que volvía percorrer o centro da vila na tarde de onte e a animada música de Cantatorrella na pista da Xunqueira supoñían o peche do certame deste ano.
Fin de semana intenso con moitas actividades na rúa e espectáculos continuados na Praza do Concello, na Alameda, na pista da Xunqueira, no Salgueiral ou a praza da Casa da Torre. Tamén os xogos imposibles nos que grandes e cativos se entretiñan na praza de Ponteareas formaron parte dunha edición marcada polo mal tempo e a ameaza continua de chuvia. Con todo, foron centos de persoas as que se achegaron estes días ao centro da vila para gozar dos diferentes espectáculos con compañías chegadas dende diferentes lugares do planeta.
Onte pola tarde Aquiles, un xigante de cinco metros de altura e 800 kilos de peso, volvía saír a rúa para percorrer Alfonso XII e Ribeira e remataba na praza da Constitución cun espectáculo de lume. A continuación eran os redondeláns CantaTorrella os encargado de pechar esta vinte cinco edición coas súas letras en galego cheas de historias propias, retranqueiras e poéticas que se puideron escoitar na Pista da Xunqueira.