Famalos con Uxía Iglesias voceira de ADEGA sobre a 48º Asemblea Xeral de socias e socios, na que se fixo balance do traballo desenvolvido ao longo do pasado ano e na que se puxeron en común as liñas estratéxicas da organización neste 2024. Tamén conversamos sobre os Premios Osíxeno e Dioxina da asociación e o roteiro pola zona afectada por Altri.
ADEGA fixo entrega dos Premios Osíxeno 2023. Uns galardóns, obra cerámica do artista galego Nacho Porto, que recoñecen as mellores accións e as actitudes máis positivas para a preservación ambiental de Galiza, ou aquelas traxectorias vitais comprometidas co medioambiente de Galiza. Desta volta, Daniel López Vispo, referente do activismo ecoloxista galego e un dos membros de ADEGA máis prezados e admirados, recibiu o Premio Osíxeno de Honra 2023. O mariñeiro, patrón de pesca e divulgador Rogelio Santos Queiruga recolleu o Premio Osíxeno Individual 2023, polo seu importante papel na dignificación do sector e a posta en coñecemento da rica e ampla biodiversidade e riqueza ambiental das nosas rías e mares; e a Asociación Noia Limpa foi merecente do Premio Osíxeno Colectivo 2023, co que ADEGA quixo recoeñcer a súa iniciativa, determinación e arduo traballo para dar a voz de alarma pola chegada da marea de pellets de plástico ás nosas costas.
Pola contra, os Premios Dioxina deste ano, que destacan as peores accións ou actitudes exercidas contra o medioambiente galego, recaeron no responsable da Confraría de Pescadores de Muxía, Daniel Castro, polos insultos profesados publicamente contra as persoas e entidades ecoloxistas; e no sindicato Comisións Obreiras, por emprender xunto coa administración galega e o lobby eólico unha campaña pública de desprestixio e inxurias contra as organizacións ecoloxistas e os maxistrados do TSXG que están a resolver a paralización cautelar de numerosos polígonos eólicos.