Os ladróns, que rebentaron a porta para acceder a un peto de pedra no que se depositan os donativos, levaron un escaso botín de entre 10 e 20 euros, pero causaron importantes desperfectos na capela
Uns descoñecidos forzaron na madrugada do luns a porta da capela da Virxe do Carme en Cesantes, na praia da punta, para roubar os donativos que se atopaban no interior.
Os feitos foron denunciados onte na policía Local e nacional polo voceiro da Comisión das Festas do Carme, Leonardo Cabaleiro, logo de que un veciño da zona alertase de que a porta da ermida estaba rota. Aínda que se descoñece a contía do botín estímase que a cantidade roubada oscilará entre os 10 e os 20 euros e que a desfeita causada polos vándalos é bastante máis elevada que os cartos que se puideron levar os ladróns, xa que ademais de forzar a pechadura e o candado tamén rebentaron un cristal blindado.
Non é a primeira vez que intentan asaltar a capela, motivo polo que a Comisión xa se plantexara a posibilidade de instalar cámaras de vixilancia na zona, aínda que finalmente desbotaron esa posibilidade pola falla de recursos económicos.