O pregón de Sonia Carrera foi unha sentida homenaxe a todas as tradicións que fan da festa da Coca unha celebración única: as Burras e as Penlas, a Danza das espadas e as alfombras florais, tradicións que “hai que manter porque sen tradicións non temos memoria e Redondela ten unha memoria infinita”. Coas súas palabras e o tradicional relevo das Penlas arrancaron as celebracións deste ano onde non faltou unha aplaudida homenaxe a Benito Cascallo quen recibiu un agasallo do concello polos seus anos como inseparable guía da Coca para rúas da vila.
Sonia Carrera subía ao palco sen a súa inseparable penla para dar lectura a un pregón que quixo ser unha reivindicación das tradicións redondelás. “Redondela non só é un pobo, é un sentimento que nos fai sentir orgullosas de todas esas tradicións que temos que seguir transmitindo de xeración e xeración”.
Un discurso no que compartiu cos presentes o significado de palabras tan vinculadas as festas pero cuxas orixes descoñecemos. Explicou así que nome de Burra vén de “burra de carga porque portamos nos ombros as penlas” mentres que o nome de penlas “vén de péndulo porque as rapazas van penduradas cara atrás”.
Máis curioso é como naceu esta tradición. Segundo contou “as Burras eran panadeiras do Porriño que viñan vender o pan a Redondela e para evitar o imposto que había que pagar ofrecéronse a vir coas súas mellores galas e bailar neste concello”.
A alcaldesa, Digna Rivas foi a encargada xunto coa concelleira de Cultura, Rita Pérez de entregar os diferentes recoñecementos ás alfombristas que dende hai días están a traballar na elaboración destes tapices florais: Cristina Rodríguez Miñán, Gerardo Fernández, Claudina Barros Vázquez, Mari Luz Iglesias López, María Ricón Tomé, Nieves Fernández Pazos, Maritina Lores e Jose Carlos Balea Rodríguez.
Subiron tamén ao escenario eses músicos indispensables que poñen o ritmo característico a Danza das Espadas, os irmáns Olimpio e Pablo Giráldez Río.
Especial homenaxe a unha figura imprescindible nas Festas de Redondela, o inseparable guía da Coca, Benito Cascallo.
Unhas Festas que a alcaldesa inauguraba oficialmente ao berro de “Viva as Festas da Coca!” e Viva Redondela!” tras lembrar o simbolismo da Coca “un dragón que ten moitas caras, un símbolo das ameazas as que nos enfrontamos como sociedade e que poden poñer en perigo a nosa paz e a nosa convivencia, pero Redondela unirá forzas contras todos eses dragóns que queren atraparnos e sairá vitoriosa porque nada hai máis forte que a unión dun pobo”.
Un acto que concluíu co relevo das penlas e un pequeno adianto ás portas do Concello do Baile das penlas que se vivirán mañá na súa versión extendida na Praza da Constitución.