Despois de perder o ascenso a Terceira División no último partido, coa derrota diante do Arosa, os de Julio Álvarez non o dan todo por perdido. Este domingo xogarán o primeiro partido da promoción de ascenso en Oleiros co Dorneda, terceiro clasificado da Preferente Norte. Con todo dependen de que Coruxo e Cerceda ascendan a Segunda B para facer posible que o gañador dea o salto a Terceira.
Con sabor “amargo”, así despediu a liga o Choco ó caer derrotado por 1-0 en Vilagarcía e verse fóra da Terceira División. O equipo que adestra Julio Álvarez, despois de seis meses en postos de ascenso perdeu unha oportunidade única no partido co Arosa, mentres que o Estradense gañaba o seu partido e adiantaba ós redondeláns na táboa. Con todo, o técnico valora positivamente a temporada, na que asegura o equipo estivo “a gran nivel”, cumprindo sobradamente o obxectivo marcado a inicio de temporada que era a permanencia. Pero as xornadas pasaban e os bos resultados do Choco fixeron soñar coa posibilidade do ascenso, que se facía máis real a medida que ían pasando as xornadas. E foi precisamente na última cando o soño se desfixo. Agora queda unha última oportunidade, aínda que “moi remota”, na promoción de ascenso. O Choco e o Dorneda, de Oleiros, terceiro clasificado da Preferente Norte, xóganse unha “posible” praza en Terceira División. Pero o gañador da eliminatoria a dobre partido deberá agardar que Coruxo e Cerceda ascendan a Segunda B para contar coa praza. Julio Álvarez recoñece que é “moi difícil”, pero non imposible, e que eles van poñer todo da súa parte para pasar a eliminatoria. O primeiro partido xogarase en Oleiros este domingo.