O derrame de combustible afecta a unha zona próxima a lonxa, e supón un grave prexuízo para o areal e os bancos marisqueiros. O Patrón Maior, Clemente Bastos, insta ás autoridades a abrir unha investigación para depurar responsabilidades.
O pósito redondelán denunciou no Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona), un vertido de combustible na praia de Cesantes. O Patrón Maior da Confraría, Clemente Bastos, advertiu tamén á Policía Local e a Portuaria para tomar mostras deste vertido. A contaminación produciuse ademais nunha zona moi sensible, xa que afecta ó areal e nas zonas marisqueiras próximas, co conseguinte prexuízo económico para os traballadores do sector. Clemente Bastos insta ás autoridades a abrir unha investigación “para determinar de onde procede o vertido” e depurar responsabilidades. Bastos engade que este tipo de vertidos contaminantes “poñen en perigo o medio de vida de moitas familias” que dependen da pesca e o marisqueo na zona. Ademais a Confraría leva anos facendo traballos de repoboación con cría de ameixa para rexenerar os bancos marisqueiros da enseada de San Simón, onde contan con varios viveiros, e estes vertidos ameazan a súa viabilidade.