Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela reclama á Xunta o arranxo urxente da avenida Mendiño e avenida de Vigo

avenida mendiñoa

O mal estado das beirarrúas na avenida Mendiño obrigou ao Concello a renovar no último ano máis de 500 lousas do pavimento que estaban rotas, para evitar riscos para os peóns, malia non ser unha competencia municipal. No caso da avenida de Vigo o Concello demanda que a administración autonómica cumpra co seu compromiso de acometer a segunda fase da humanización ata o Alto da Encarnación. Tamén son necesarias obras de reparación na primeira fase, onde se rexistra zonas con afundimentos e ramplas metálicas moi deterioradas que supoñen un perigo para vehículos e peóns.

O goberno local urxe as obras de humanización da avenida Mendiño en Redondela e a segunda fase da avenida de Vigo en Chapela, comprometidas pola Xunta de Galicia desde 2019. Trátase de dúas estradas de competencia autonómica e que contan cun elevado tránsito diario, tanto de vehículos como de peóns. No caso da avenida Mendiño a alcaldesa, Digna Rivas, advirte que se trata dunha actuación que debe resolverse de maneira “urxente”, xa que esta vía presenta un grave deterioro “tanto no firme para o tráfico rodado como nas beirarrúas, que supoñen un risco constante para centos de peóns”. O mal estado das beirarrúas obrigou ao Concello a renovar no último ano “máis de 500 lousas do pavimento que estaban rotas polo perigo que supón para os peóns, malia non ser unha competencia municipal”, explica o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar quen asegura que as queixas da veciñanza polas deficiencias desta estrada son constantes.

O edil lembra que desde novembro do ano pasado, cando se celebrou en Santiago unha reunión coa que era conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o Concello “segue á espera dunha resposta sobre os proxectos que son de titularidade autonómica”.

No caso da avenida de Vigo o Concello demanda que a Xunta cumpra co seu compromiso de acometer a segunda fase da humanización ata o Alto da Encarnación, anunciado en 2019.

Outra vía autonómica que precisa de reparacións urxentes é a PO-250 ao seu paso por Reboreda, onde son necesarias obras de mantemento nas beirarrúas que se atopan en mal estado e con falta de limpeza.

Desde o Concello lamentan que non houbese “ningún avance por parte da Xunta de Galicia” e solicitan unha reunión coa nova conselleira do ramo, María Martínez Allegue, para lembrarlle estes compromisos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará