Os participantes, mozos e mozas de entre 12 e 18 anos, farán kaiak, paddle surf, observación de estrelas, xogos de orientación, supervivencia na natureza, unha acampada nocturna e actividades de educación ambiental, entre outras propostas. Haberá dúas quendas, a primeira do 1 ao 5 de xullo, e a segunda do 8 ao 12 de xullo en horario de 10:00 a 13:00 horas. O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe 10 de xuño ata o día 21.
O campamento “Coñece e desfruta Redondela 2024” ofrece aos participantes actividades como kaiak e paddle surf, ademais de xogos na praia, da man de técnicos deportivos cualificados.
A principal novidade deste ano é a acampada nocturna, con actividades lúdicas e formativas como a observación de estrelas e xogos de orientación.
Unha das propostas máis novidosas é o “bushcraft”, ou o que é o mesmo, a arte de vivir xunto á natureza. Trátase de xogos de supervivencia nos que os participantes aprenderán a construír refuxios con materiais que recollan da natureza, prender lume ou crear utensilios como cordas ou cestas con fibras naturais.
A concelleira de Saúde e Medio Ambiente, Pilar Martínez, explica que as actividades organizadas buscan tamén unha maior concienciación ambiental “dando a coñecer o patrimonio natural das nosas praias tamén se ensina a coidalo”. Como novidade, inclúense tamén nocións de Primeiros Auxilios “para que nenos e nenas aprendan nocións básicas de salvamento que poden serlles útiles en caso de emerxencia”.
Celebraranse dúas quendas no mes de xullo, a primeira dos días 1 ao 5 e a segunda do 8 ao 12. O campamento terá horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, agás o xoves, que farán acampada nocturna en Cesantes coa cea incluída. A actividade, subvencionada polo Concello, ten un custe de 80 euros.
O prazo de inscrición está aberto do 10 ao 21 de xuño. Máis información e inscricións no Concello de Redondela, no teléfono 986 400 300 e no enderezo electrónico concello@redondela.gal.