O Goberno Local de Soutomaior presentou a través do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra un proxecto para a recuperación e restauración das zonas de xogo infantil. O proxecto presentado contempla un investimento de máis de 45 mil euros para a recuperación das instalacións do Peirao, da Feira, da Devesa, o parque da Veiguiña Longa e os de Aranza, Moreira e Lamela.
A auditoría realizada polo goberno nada máis chegar a alcaldía sinalaba que “o estado no que se atopan a práctica totalidade dos parques municipais é lamentable, tanto na súa conservación como no seu mantemento. Isto supón un serio risco para os rapaces e rapazas que acoden a estes parques e desloce a imaxe que Soutomaior traslada ás familias que veñen ao concello cos seus fillos e fillas” en palabras do concelleiro de urbanismo, Pablo Garrido.
En total son 18 parques malia que nesta primeira fase actuarase nun total de sete “naquelas zonas que teñen maiores usuarios”. O proxecto foi presentado ao Plan + Provincia e busca corrixir todas as deficiencias detectadas.
O goberno municipal fomentará, a través destes proxectos a inclusividade nestes espazos recreativos adaptándoos para que calquera neno ou nena, sexa cal sexa a súa diversidade funcional, poida desfrutar de maneira autónoma deles.