A corporación redondelá aprobou onte por unanimidade o acordo adoptado polo Consello Parroquial de Chapela en contra da ampliación da autoestrada AP-9 entre a ponte de Rande e Teis. O escrito será enviado ao Ministerio de Fomento.
O acordo adoptado no pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Redondela deixa constancia do total rexeitamento dos grupos políticos e dos veciños a ampliación da autoestrada AP-9 entre a ponte de Rande e Teis. O escrito será enviado ao Ministerio de Fomento para deixar constancia da oposición da parroquia e do Concello a esta actuación do departamento que dirixe José Blanco, e que foi anunciada polo propio ministro o pasado mes de abril. Ao inicio da sesión o presidente da Asociación de Afectados da AP-9, Rafael Baltasar Cela, leu integramente o escrito aprobado no último Consello Parroquial, no que argumentan que a ampliación da autoestrada suporía un “grave prexuízo para a parroquia”, con afeccións “irreversibles” en espazos naturais e bens públicos e privados, ademais dun “grave impacto ambiental”, mermando a calidade de vida dos veciños. Por iso o Consello Parroquial esixe ó ministerio que dea marcha atrás no proxecto de ampliación, e inclúe no seu escrito varias demandas, como o soterramento de parte da autoestrada , a eliminación da peaxe Vigo-Cabanas, a construción dunha entrada e saída á AP-9 na zona de Torres de Padín e a construción de barreiras acústicas en Río Frío.A proposta foi aprobada por unanimidade na sesión plenaria. Desde o BNG, o voceiro Carlos Pazos manifestaba o acordo do seu grupo co rexeitamento da ampliación, aínda que lamentaba que o Consello Parroquial introducise tamén no escrito outras demandas que, ó seu xuízo, son “secundarias”. O PP tamén apoiou a proposta dos veciños, Fracisca Canal felicitounos “por tomar unha vez máis a iniciativa” nun tema tan trascendente, e lamentou que os políticos non estivesen á altura. O PSOE expresou tamén o seu apoio a través do seu voceiro Emilio González, quen lamentou “o cambio de opinión” do ministro Jose Blanco, que nun primeiro momento cualificara a ampliación como “non prioritaria”. O grupo socialista tentou introducir unha emenda ao texto pola que se instaba ao Goberno central a axilizar os trámites da A-59, a autovía gratuíta entre Pontevedra e Vigo, co argumento de que a súa entrada en servizo absorbería gran parte do tráfico da AP-9, facendo innecesaria a ampliación de Rande. Con todo, ante a oposición rotunda do PP a esta iniciativa o portavoz do PSOE Emilio González accedeu a retirala. A enmenda presentouse despois, como moción no pleno ordinario celebrado a continuación, onde foi aprobada cos votos de PSOE e BNG, mentres PP votaba en contra e Partido Galeguista se abstiña