O Subdelegado do goberno, Abel Losada vén de confirmar que o cráneo e os ósos humanos atopados na tarde de onte nunha zona rural no barrio do Conde, próxima ao casco urbano de Arcade, pertencerían a Manuela Barbosa, muller de 66 anos veciña de Redondela que desapareceu o 13 de xullo de 2021. Malia que a investigación aínda está aberta á espera de confirmar definitivamente a identidade dos restos localizados, o feito de que apareceran diferentes efectos persoais de Manuela nas inmediacións do lugar e que a finca se atopase a 200 metros do domicilio da súa filla, indica que este achado viría a esclarecer a desaparición da muller.
Un operario que estaba realizando a limpeza da finca, que nos últimos anos estivo cuberta de maleza, foi quen atopou eses restos mentres desbrozaba a finca. Os feitos tiveron lugar sobre as 17:00 horas deste martes e ata o lugar desprazouse unha patrulla da Garda Civil que acordoaron a zona así como da Policía Científica que se encargaron de buscar outros posibles restos.
“Malia que hai que manter a máxima prudencia ante unha investigación que segue aberta por parte da Garda Civil, todo indica que con este achádego de ósos humanos nunha finca do barrio do Conde se resolve a misteriosa desaparición de Manuela Barbosa”.
Ademais de que os ósos se atoparon a 200 metros da vivenda da súa filla, tamén confirmou o subdelegado que se localizaron outros efectos persoais como a carteira ou xoias propiedade de Manuela Barbosa.
Tras a localización dos restos na tarde de onte, acudiron ao lugar axentes do Laboratorio de Criminalística da Policía Xudicial da Garda Civil e as autoridades xudiciais así como os servizos especializados da propia Garda Civil. Os ósos e restos biolóxicos recollidos serán sometidos a análises forenses para poder confirmar ao 100% a identidade e, desta forma, “poder pechar o caso”.
Á espera da definitiva análise dos restos biolóxicos e poder confirmar a identidade, todo parece indicar que a localización destes restos permitirán pechar a misteriosa desaparición de Manuela Barbosa Sousa, case tres anos despois de que se lle perdera a pista. Natural de Soutomaior e con residencia en Redondela, visitaba Arcade e Soutomaior con asiduidade por motivos familiares. Foi no centro de Arcade onde a viran por última vez o 13 de xullo de 2021.