Os de Soutomaior garantiron a permanencia coa vitoria da pasada xornada no campo do Juvenil, polo que despedirán a liga en Arcade celebrándoo coa súa afección. O desexo do club é facelo cun triunfo sobre o Domaio, para agasallar con este fin de festa ós seus seareiros despois dos altibaixos desta temporada.
Jacobo Montes, o adestrador do Arcade, é esta semana un dos homes “máis felices e satisfeitos” do mundo, despois de que o seu equipo certificase a salvación cunha vitoria sobre o Juvenil por 2-4. O técnico confesouse “aliviado” despois dunha temporada de altibaixos no equipo, e moi satisfeito co resultado final, non só por garantir a permanencia, senón tamén “polo bo xogo e os bos resultados” dos últimos partidos, nos que os xogadores demostraron “un alto nivel”. Co obxectivo cumprido, o Arcade enfróntase ó último partido de liga na Primeira Autonómica nunha meritoria 10ª posición na táboa. Despedirán a liga na casa, diante da súa afección, cun partido co Domaio. Ningún dos dous equipos se xogan xa nada, pero sairán ó terreo de xogo “a gañar”, xa que todos queren despedir a temporada “cun bo sabor de boca”, segundo explica Montes. O desexo do adestrador é poder agasallar cunha vitoria ós seus afeccionados, despois dunha temporada irregular na que foron de menos a máis. Agora toca festexar o obxectivo cumprido e pensar na próxima temporada, na que haberá “altas e baixas”. Neste sentido Jacobo Montes aposta pola incorporación dalgún xogador do Arcade B.