Os participantes, mozos e mozas de entre 12 e 18 anos practicarán deportes náuticos, observación de estrelas, xogos de orientación, supervivencia na natureza, unha acampada nocturna e actividades de educación ambiental, entre outras propostas. Haberá dúas quendas, a primeira do 1 ao 5 de xullo, e a segunda do 8 ao 12 de xullo en horario de 10:00 a 13:00 horas. O prazo de inscrición estará aberto ata o día venres 28 de xuño.
O campamento “Coñece e desfruta Redondela 2024” ofrece aos participantes actividades como kaiak e paddle surf, ademais de xogos na praia, da man de técnicos deportivos cualificados.
A principal novidade deste ano é a acampada nocturna, con actividades lúdicas e formativas como a observación de estrelas e xogos de orientación.
Unha das propostas máis novidosas é o “bushcraft”, ou o que é o mesmo, a arte de vivir xunto á natureza. Trátase de xogos de supervivencia nos que os participantes aprenderán a construír refuxios con materiais que recollan da natureza, prender lume ou crear utensilios como cordas ou cestas con fibras naturais.
Como novidade, inclúense tamén nocións de Primeiros Auxilios “para que nenos e nenas aprendan nocións básicas de salvamento que poden serlles útiles en caso de emerxencia”.
Celebraranse dúas quendas no mes de xullo, a primeira dos días 1 ao 5 e a segunda do 8 ao 12. O campamento terá horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, agás o xoves, que farán acampada nocturna en Cesantes coa cea incluída. A actividade, subvencionada polo Concello, ten un custe de 80 euros.
O prazo de inscrición está aberto ata o día 28. Máis información e inscricións no Concello de Redondela, no teléfono 986 400 300 e no enderezo electrónico concello@redondela.gal.