O Círculo Cultural e Recreativo de Chapela celebra esta fin de semana a súa festa do verán con actividades para todos os públicos que inclúen o Festival de Corais e festa Djs na tarde noite do sábado e a Festa da Navalla que terá lugar o domingo día 7 de xullo e que permitirá degustar o bivalvo a prancha ou en empanada.
A Alameda Rosalía de Castro acolle este domingo a celebración da Festa da Navalla, unha cita obrigada para os amantes do marisco en xeral e deste bivalvo en particular. Á prancha ou en empanada de millo ou trigo poderemos degustar a navalla a partir das 12.00 horas e até que se esgoten as existencias. Unha cita festiva organizada polo Círculo Cultural de Chapela que arrancará xa o sábado co festival de Corais a partir das oito da tarde coa participación do Coro Linguas da escola oficial de idiomas de Vigo, a Coral Polifónica de Atios e a Coral Polifónica “Frol Nova” do Círculo Cultural Recreativo de Chapela. Pechará a xornada a actuación de Dury Dj cunha sesión a partir das 22:30 hora orientada xa a un público máis novo.
O domingo 7 xa dende as doce do mediodía poderanse degustar os diferentes pratos elaborados a base de navallas, con prezos que van dende os 3,50 a ración de empanada de trigo e os 4,5 da empanada de millo, aos 5 euros que custará degustar media ducia de navallas a prancha e os dez euros da ración completa. Uns prezos que se manteñen respecto da edición anterior malia o incremento notable da materia prima o que obriga a facer un maior esforzo económico por parte da organización, tal e como nos explicaba o presidente do Círculo Cultural Recreativo de Chapela, Emilio Sánchez.
Estiman que serán ao redor de 500 persoas as que se pasarán por esta Alameda e entre os que repartirán un 300 kilos de navallas que se poderán degustar preparadas de xeito tradicional ou en empanada.