O VII KiteFest Cesantes Trofeo Xunta de Galicia, organizado polo TMKiteClub de Cesabtes e o Concello de Redondela, celebrado na Praia de Cesantes deu o pistoletazo de saída hoxe coa primeira xornada oficial do evento. Estaba reservada para a recollida de dorsais, adestramentos, probas de material da man das marcas colaboradoras e a celebración da Crazy Race, proba de substitucións que serviu de calentamento para o inicio da competición a partir deste sábado e da que saíron vitoriosos Alberto López do TMKiteClub e o catalán David Marín.
Tras a apertura do village pola mañá e o briefing previo cos participantes ás 16:30 horas, a frota botouse á auga pasadas as cinco da tarde para completar unha proba con obstáculos inchables e de substitucións da que resultaron vencedores o dúo formado polo galego Alberto López do TMKiteClub e o catalán David Marín, rider representante de Eleveight Kites. O club organizador valora o comezo desta edición de forma positiva e a consideran unha “gran estrea da proba máis esperada da tempada de kitesurf en Galicia. Unha regata, sen dúbida, moi divertida que non puntuará para o título final da edición, pero si se premiará ao gañador na entrega de trofeos do domingo”.
Mañá sábado, arrinca o campinato cos preto de noventa riders, chegados de toda Galicia e outras comunidades como Cataluña ou País Vasco, que pelexarán por facerse un oco entre os primeiros postos da táboa nas divisións Twintip, Surf, Kite Foil e Wingfoil.
O briefing de participantes está programado para as 10:30 horas e as probas poderían comezar a partir das 12:00 horas en función das condicións de vento e serán. Este tipo de disciplinas deportivas dependen moito das condicións meteorolóxicas e dende a organización explican “que os horarios poderían variar e o campo de regatas podería estar situado tanto ao sur da illa de San Simón como ao norte en función da dirección do vento”. Tamén avisan de posibles cambios na competición de Freestyle e Big Air que “podería disputarse mañá pola tarde despois das regatas dependendo das condicións do tempo se fosen favorables e puidendo ser aprazada ao domingo en caso contrario”.
Paralelamente á competición, a cita que organizan o TMKiteclub e o Concello de Redondela xa abriu o village ao público con foodtruck e dj, e será mañá sábado cando se celebre a cea para participantes ás 21:00 horas e música en directo de man do grupo baionés “A Patrulla”. Animan a afección e a toda a veciñanza !a acudir a un evento espectacular que non deixa indiferente a ninguén e que ten o mellor escenario posible, a nosa ría”
O VII KiteFest Cesantes Trofeo Xunta de Galicia está organizado polo TMKiteClub e o Concello de Redondela co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Deputación de Pontevedra, ABANCA, Aceites Abril e as marcas do sector Eleveight Kites e RRD.
Do 15 de xullo ao 15 de agosto está programado o Campionato de Big Air. Unha disciplina que dende a directiva do club din “é das preferidas para a maioría dos socios e socias e a que máis piques provoca na nosa enseada”. Este ano farán unha competición con datas abertas e a través da App Surfr, onde os deportistas poderán rexistrar as súas mellores marcas e clasificarse para a Gran Final na que se coroará ao campión da tempada. Finalizado o prazo de inscrición, poñerase unha data para celebrar a final en Cesantes.