Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os eventos deportivos, o máis visto na plataforma dixital do Concello

web concello

A nova web e app de Redondela supera as 8.000 visualizacións dos seus contidos audiovisuais. Son principalmente vídeos con temáticas de festas e encontros deportivos de acceso gratuíto para calquera cidadán. Os clubs deportivos resaltan a calidade das retransmisións, ademais de contribuír a darlles unha maior difusión.

A nova web e a app da Tarxeta Cidadá Virtual de Redondela, que o Concello puxo en marcha dentro da iniciativa da EDUSI 2020, suma 8.200 visualizacións dos seus contidos audiovisuais. O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Antonio Cabaleiro, fai un balance positivo dos primeiros meses da aplicación. Para poder acceder e ver os contidos é preciso entrar na nova web do Concello ou facelo coa app da tarxeta cidadá, que calquera persoa, empadroada ou non en Redondela, pode solicitar de maneira gratuíta a través da web oficial do Concello ou descargando a nova app para móbiles, con versións para Android e iOS.

Nos seus primeiros meses en funcionamento, entre os contidos máis vistos destacan os relacionados con varias festas locais: a Festa da Coca, a Festa do Choco e a Festa dos Maios. O deporte é tamén un dos contidos máis buscados na app, convertida nunha ferramenta útil para clubs, adestradores, xogadores, patrocinadores, seguidores, familiares, seareiros e toda a cidadanía en xeral.

Así o confirma o concelleiro de Deportes, Iván Valles, que subliña que a app fai posible “o acceso á información centralizada sobre o deporte municipal e facilita que se poidan ver os partidos ou actuacións dende a casa no caso de non poder desprazarse ao pavillón”. Ademais todos os partidos quedan colgados na canle e poden verse en calquera momento e dende calquera lugar.

O feito de dar maior visibilidade ao deporte é outro dos grandes obxectivos da app, “unha forma de darlle maior visibilidade aos clubs e tamén aos seus patrocinadores e colaboradores, xa que certo tipo de publicidade comeza a estar obsoleto” apunta Valles.

Engaden dende o Concello a boa sintonía dos clubs con esta iniciativa que é valorada moi positivamente. Así dende o Club Campito José Manuel Cardoso, salienta que esta app permite aos clubs facer un traballo máis profesionalizado “para o traballo dos técnicos é tamén positivo, xa que poden analizar despois o encontro e traballar cos seus xogadores os aspectos que vexan necesarios”.

Juan Carlos Rodríguez “Rolan”, do FS Redondela, aplaude a “calidade de retransmisión dos partidos e o seguimento do xogo que fai a cámara”. A facilidade de uso e conectividade é outra vantaxe que valoran os clubs locais, tal e como nos di Manuel Da Silva, do Balonmán Chapela: “É unha ferramenta moi cómoda para os clubs, porque non se necesita ningún equipo e dende calquera móbil ou tableta podes conectarte”.

A inversión total que se realizou nesta liña de actuación é de 163.955 €, dos cales 131.164 € proveñen dos fondos FEDER e o 20% restante, 32.791 €, son achegados polo Concello.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará