A parroquia de Reboreda acolle esta fin de semana a presentación dunha nova asociación que xurde co obxecto de “defender o patrimonio natural e etnográfico que rodea a figura do Carballo das Cen Pólas”. O acto, que terá lugar este sábado ás 21:30 horas, contará coa música do pianista redondelán Alberto Vilas, quen ofrecerá un concerto enmarcado dentro da programación de verán do Concello de Redondela con temas do seu disco “Once cancións e unha danza”. Estará acompañado na voz por Cristina Suárez.
A defensa do patrimonio natural e etnográfico que rodea este emblemático prado así como a promoción da cultura popular xerada ao redor deste espazo son algún dos obxectivos que se marca esta asociación integrada por veciños e veciñas da parroquia.
Márcanse ademais obxectivos concretos como a edición de publicacións e folletos de carácter divulgativo, e a organización de exposicións e conferencias. Con todo, unha das acción concretas que levarán a cabo será a plantación dun novo carballo que substitúa ao actual “seco dende hai 35 anos”. Buscan tamén promover a creación dun auditorio ao aire libre en colaboración coas administracións e celebrar un encontro lúdico anual ao pé do carballo para poñer en valor a relevancia cultural do prado.
Os integrantes da asociación, que se presentará publicamente este sábado ás 21:30 horas, anuncian tamén a creación de dous premios anuais: un para recoñecer a unha persoa de relevancia na parroquia e outros que servirá para distinguir a unha persoas relevante da cultural que se distinga pola defensa do patrimonio natural, cultural e lingüístico de Galicia.
Concerto Alberto Vilas
A continuación –ao redor das 22:00 horas- terá lugar o concerto do pianista e compositor redondelán Alberto Vilas quen interpretará temas do seu último traballo “Once cancións e unha danza”, entre os que se atopan “A danza das Espadas”, “A Rianxeira”, “Ven bailar Carmiña” ou “Catro vellos mariñeiros”. No recital o músico contará coa colaboración de Cristina Suárez á voz e avanzou que presentarán algúns temas do novo traballo que están a preparar como unha versión de “María Soliña”.
O artista redondelán, presentou o concerto acompañado da alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, e destacou que é “un privilexio” poder ofrecer estas versións da música tradicional galega “nun lugar máxico como esta carballeira”.