O Valedor do pobo da a razón aos veciños da zona e insta a Dirección Xeral de Infraestruturas a “paliar as molestias causadas aos habitantes da zona”. A deputada nacionalista Olaia Fernández Davila solicita ao goberno que atenda ás demandas do Valedor do pobo para rebaixar os ruídos e o resto dos problemas que están a provocar as obras do AVE
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para coñecer se o Goberno vai atender as demandas do Defensor do Pobo para que se rebaixe o ruído e se solucionen os problemas que as obras do AVE están causando aos veciños de Redondela.
Explica a deputada do BNG que na resposta do Defensor do Pobo aos afectados, conclúese a necesidade de que a Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias “dea conta de todos os problemas á Dirección Medioambiental da Obra e que actualice a información e atenda o expresado neste escrito”.
Respeito aos problemas acústicos, o escrito do Defensor do Pobo fai mención das vivendas afectadas por un nivel de ruídos diurnos superior a 65 dBA, que son dúas. E no caso de ruidos nocturnos, hai 25 vivendas afectadas por un nivel de ruído superior a 50 dBA.
Ademais dos problemas acústicos os veciños tamén se queixan de balsas de decantación insuficientes con vertidos ao río Maceiras que van parar á enseada de San Simón, un espazo protexido. O feito de que non se paren as obras nas 24 horas do día, cando o establecido é desde as 7 da mañá ate as 22 horas.
Davila pide ao Goberno que adopte as medidas precisas para solucionar os problemas acústicos e reclama que non se continúe coa actividade durante a noite.