O animal, que foi localizado pola Policía Local no interior dun vehículo propiedade dun dos individuos, foi devolto ao río. O concelleiro de sostebilidade, Roberto Villar, agradece a colaboración veciñal e a actuación dos axentes que evitaron o roubo do cisne. A investigación está en mans do Seprona
Os feitos producíanse ao redor das 23:30 horas deste luns cando un veciño alertaba á policía local tras observar dous individuos realizando manobras estrañas no Alvedosa á altura da Depuradora. Unha vez no lugar os axentes localizaron dous homes, un varón de 56 anos natural de Ourense e outro varón de 25 anos de Ponferrada agochados entre a maleza e que terían subtraído unha cría de cisne do Alvedosa.
Malia que negaron os feitos, os axentes atoparon no seu vehículos lanternas, prismáticos, anacos de pan, ganzúas e tamén o animal envolto nunha bolsa. A cría foi devolta á súa nai e os varóns propostas para sanción en base á Lei de Protección e Benestar Animal pola comisión dunha infracción grave. O roubo, furto ou a apropiación indebida dun animal pode carrexar unha multa de entre 10.000 e 50.000 euros.
No interior do vehículo tamén había outros dous cisnes pero neste caso descartouse que procederan do Alvedosa. A investigación segue aberta en mans do Seprona, xa que ambos individuos tiñan antecedentes por feitos semellantes.
O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, lembra que as especies silvestres están protexidas “e deben ser respectadas nos seus hábitats naturais, evitando molestalas e en ningún caso se pode subtraer algún exemplar destas aves salvaxes”. Desde o Concello ponse en valor a actuación dos axentes da Policía Local, e lembran que en ocasións anteriores xa se alertara por parte dos veciños de roubos de crías de parrulo e de ovos dos niños, pero non fora posible identificarse aos responsables. Villar apunta a que este tipo de actos delitivos poderían ter como finalidade lucrarse no mercado negro, “xa que se trata de especies silvestres protexidas por lei e que non poden comercializarse”.