A deportista redondelá, que milita nas filas no Sporting La Rioja, conseguiu esta temporada co seu club o ascenso á máxima categoría do balonmán estatal. Xogadora da SAR nas categorías inferiores, pasou polo BM Porriño, co que tamén acadara o ascenso á División de Honra Feminina. A próxima será a súa oitava temporada en Logroño. Na xornada de onte recibía un acto homenaxe na casa do Concello.
A xogadora, de 32 anos, recibiu o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello de mans da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, como “recoñecemento e homenaxe” polo seu traballo e méritos deportivos. Para a alcaldesa é “un luxo” que este municipio conte con mulleres deportistas “no máis alto nivel do balonmán nacional” e desexoulle a Carla “toda a sorte para a próxima temporada”.
Carla amosouse “moi contenta” por este recoñecemento por parte do Concello, porque “é moi bonito ver que tamén se acordan dos deportistas que estamos fóra, xa que é duro estar tan lonxe da casa e da familia”. Afirmou tamén estar “moi orgullosa” de levar o nome de Redondela polos pavillóns de toda España e lembrou que o seu alcume deportivo “Choco”, fai referencia precisamente ás súas orixes redondelás. No plano deportivo confía en que, unha vez acadado o obxectivo do ascenso, o Sporting La Rioja poidan consolidarse na categoría da “Liga Guerreras” a próxima temporada. Recoñece que será complicado “polo alto nivel da competición” pero sinala que “con traballo e sacrificio todo é posible”.