O Campito Chapela, en colaboración co Concello de Redondela e o equipo de afeccionados Cachorros FC, celebra a segunda edición do Torneo Vila do Berete que terá lugar no Pavillón Municipal Manuel González Soto do 25 ao 28 de xullo . O prazo de inscrición segue aberto, pero dende a organización avisan que quedan poucas prazas.
Tras o éxito do ano pasado, con 20 equipos inscritos, esperan igualar a participación e aínda teñen o prazo de inscrición aberto para os interesados. De momento están confirmados equipos da contorna, Vigo, Santiago, Ourense e incluso Portugal. O sorteo para repartir os horarios será o martes 23 de xullo polo que animan aos amigos e futbolistas sénior “a inscribirse canto antes, porque quedan poucas prazas para cubrir”.
Este ano inclúen dúas novidades coa intención de mellorar e facer crecer este torneo con espírito familiar e que xira en torno ao deporte e a amizade. Por un lado, engaden unha fase de consolación co obxectivo, explican dende o Campito, “de recompensar o esforzo e espírito dos equipos conformados por xogadores afeccionados, xa que enfróntanse moitas veces a equipos que contan con xogadores de segunda división e isto tamén ten que ter o seu recoñecemento”. Por outro lado, o festivo do día 25 dálles a oportunidade de organizar enfrontamentos entre a base das categorías mixta benxamín, alevín e cadete que serán os encargados de dar “o pase de saída ao torneo e comezar unha gran festa do fútbol sala”.
A inscrición ten un custo de 120 euros máis o seguro para os equipos sénior masculino. Repartirán tres premios monetarios: 1500 euros para gañador, 750 euros para o subcampión e 150 para o terceiro clasificado, cos seus correspondentes trofeos. Ademais teñen preparados tamén trofeos para o cuarto clasificado e un especial para o mellor porteiro. Para mais información poñen a disposición o teléfono 640 50 46 43 e pode seguirse a evolución do evento a través da conta de Instagram @torneoviladoberete .