Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Sés enche en Chapela

sés chapela

A música da cantautora coruñesa encheu de ritmo e de forza o paseo marítimo de Chapela nunha xornada de celebración co gallo do Día da Patria galega. Unha xornada marcada polas altas temperaturas e os actos reivindicativos e festivos que percorreron toda a xeografía galega. En Redondela a cita principal tivo lugar na parroquia de Chapela con este concerto de balde no que María Xosé Silvar, Sés, achegou a música do seu oitavo e último traballo discográfico, “Diante un eco”, unha volta aos inicios así como unha reafirmación da estética popular da que a artista se sente debedora.

O acto institucional celebrouse na xornada anterior na Alameda Castelao coa voz de nenos e nenas dos campamentos de conciliación quen foron os encargados da lectura dun manifesto no que puxeron de relevo a importancia desta data e da historia da emigración de solidariedade do noso país.

O técnico municipal do Servizo de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez, foi o encargado de presentar un acto no que puxo en valor esta celebración “que se remonta a 1978 e na que todas as forzas políticas se uniron con Galicia como punto de concordia” mentres que a alcaldesa Digna Rivas, na súa intervención, fixo referencia á vandalización do mural feito en Chapela en favor dos dereitos LGTBI e os ataques cometidos contra o monumento en memoria das persoas mortas e represaliadas polo franquismo, no Alto da Concheira lembrando que Galicia sempre foi unha terra “integradora”, e Redondela “un referente de inclusión e solidariedade, tamén na defensa da cultura e da lingua”.

A parte musical do acto correu a cargo do grupo Airiños de San Simón, da parroquia de Cesantes, que interpretou varias pezas musicais e o himno galego nunha xornada que rematou no Campo da Feira co concerto a cargo do grupo Airiños da Peneda e a Banda Artística de Arcade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará