Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Nove mariñeiros de Cesantes e Vigo foron detidos no Berbés acusados de pesca ilegal con explosivos

RR_Noticias

Cun amplo dispositivo a Garda Civil detivo onte en Vigo a nove persoas acusadas dun delito contra o medio ambiente e dano ecolóxico e tamén por tenencia e uso ilegal de explosivos. Pertencen ós barcos de Cesantes “Nueva Herminia Tres” e “Andreu Tres”, e á embarcación viguesa “Nuevo Diego David”.

 A Garda Civil detivo onte no porto de Vigo a nove persoas acusadas dun delito contra o medio ambiente e dano ecolóxico e tamén por tenencia e uso ilegal de explosivos. Entre os arrestados hai tres armadores, dous patróns e catro mariñeiros. Pertencen ós barcos de Cesantes “Nueva Herminia Tres” e “Andreu Tres”, aínda que ningún dos buques pertence á Confraría de Redondela, segundo apuntaban fontes do pósito. A terceira retida é a embarcación viguesa “Nuevo Diego David”, propiedade do patrón maior de Vigo, José Antonio Tizón, detido cando tentaba, supostamente, desfacerse de cargas explosivas. A mercadoría incautada polos axentes supera os 10 quilos de munición, ademais doutros elementos necesarios para a fabricación das bombas mariñas, como mechas e detonadores.
Na operación participaron máis de medio cento de axentes de distintos grupos da Garda Civil. Dirixido polo xulgado de instrución número 2 de Cambados, o dispositivo activouse ao cinco da tarde e prolongouse pola noite. Durante este tempo rexistráronse catro barcos: ademais dos citados, outro tamén matriculado en Cesantes e que unha vez concluída a minuciosa revisión partiu cara ao mar ao non acharse ningunha proba delituosa. Fontes da investigación sospeitan que as embarcacións planeaban utilizar o explosivo na noite de onte, a de maior demanda de sardiña de todo o ano pola festividade de San Xoán. A maioría da munición foi localizada en naves de almacenamento de redes e en casetas móbiles do porto. Precisamente nunha destas últimas foi onde, presuntamente, o patrón maior de Vigo recolleu algunhas cargas explosivas e cando se viu sorprendido polos axentes tentou desprenderse delas. Ademais de José Antonio Tizón como armador do Novo Diego David, tamén acabou detido o seu patrón.
Respecto dos outros dous barcos, do Nova Herminia III resultaron detidos o seu armador e catro mariñeiros; e do Andreu Tres, o armador e o patrón. Ademais, na localidade pontevedresa de Portonovo tamén se localizaron explosivos que supostamente se utilizarían para a pesca de sardiña no alpendre do propietario dun barco.
Unha vez concluído o dispositivo no Berbés, os nove arrestados foron trasladados a dependencias da Garda Civil en Pontevedra e Vigo. Os axentes teñen previsto tomarlles hoxe declaración para que mañá queden a disposición do xuíz cambadés.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará