Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O faladoiro “Aquí faltan páxinas” dedicado ás Madriñas de Redondela estará recollido nun podcast

20240801_sandra bastos_aqui faltan páxinas 3

A Illa de San Simón acolleu onte un faladoiro sobre “As madriñas de Redondela”, que foron a esperanza dos presos da Illa durante a guerra civil e os primeiros anos da ditadura franquista. A súa traxectoria, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa “Aquí faltan páxinas”, será recollida nun podcast, que incluirá testemuños recollidos onte na illa de San Simón e que estará dispoñible nos próximos días tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify. 

Nesta segunda edición do programa, que comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano, recóllense as historias de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, a raíña Urraca I de León, “A temeraria”, a artista Mercedes Ruibal, a soprano María Pardo, a política e activista Urania Mella e a combatente María Araujo. Mulleres que, como asegurou a deputada de Igualdade, Sandra Bastos, “arriscaron a súa vida para axudar a quen non cometeu máis delito que defender os seus valores”, e durante a guerra civil e a posguerra foron a esperanza dos presos da illa redondelá.

As madriñas, ou lavandeiras, de Redondela, crearon entre os anos 1936 e 1943 unha rede de cooperación para axudar aos preto de seis mil homes que estiveron presos na Illa de San Simón e dos que se estima morreron uns 700 de enfermidade e de malnutrición a causa das condicións de vida e dos traballos forzados aos que estaban sometidos. Estas mulleres, mesmo sen ter vinculación ningunha cos presos, ofrecéronse a lavarlles a roupa e levarlles comida, mantas, menciñas e, moitas veces, cartas de familiares agochadas entre a roupa.

O presidente do Obradoiro de Estudos Locais, Fernando Monroy, foi o encargado de recuperar a súa memoria, acompañado de Rosa Otero, Eufemia Rodríguez, Manuel López e Martina Rodríguez, catro familiares das madriñas. “Historias de mulleres anónimas de Cesantes, Reboreda, Cedeira ou Ventosela, que serán lembradas sempre polo seu heroísmo”, destacou a responsable provincial de Igualdade, que lembrou que moitas delas foron “castigadas, multadas ou represaliadas, pero non dubidaron en continuar, como auténticas heroínas anónimas que achegaron esperanza aos presos sen pensar, tan sequera, no risco que isto supoñía”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará