Foto dunha edición pasada do Berete Rock
O vindeiro sábado 3 de agosto terá lugar no paseo marítimo de Chapela a undécima edición do Berete Rock, un festival con entrada libre e de balde que é xa todo un referente do panorama galego do rock e o heavy metal. Entre as Bandas e artistas confirmados atópanse: Saratoga, Brétema , Zona Zero, Chocolate Sexy e Martires del Rock & Roll.
A representación redondelá vén da man de Chocolate Sexy, unha banda de versións do mellor rock dos anos 80 e 90 formada por un grupo de amigos que teñen en común a música como paixón. Volveron a reunirse, despois de anos con carreiras musicais por separado, nun aniversario e a partir de aí comezaron a ter máis concertos coa intención, segundo un dos seus, de que “a xente o pase ben e que nós tamén o pasemos”.
O directo dálles marxe para a improvisación, pero intentan ser o máis fieis posibles ás cancións orixinais aportando algo de frescura. Trátase de cancións que coñecen tanto a xente que viviu a súa época como xente nova, porque todo o mundo sabe as letras e seguen soando en moitos lugares. Escollen temas con mensaxe e crítica social, como cancións de La Polla Récords ou Barricada, porque consideran importante “reflexionar nos tempos que corremos no que a política e o social está algo axitada”, sinala Koke.
A Asociación Berete Rock leva meses traballando no cartel, no que priorizan ter sempre representación do municipio. Este ano explican que “lles gustaría atraer a xente do centro da Vila e que se unan á festa máis grande de Chapela”, porque senten que se achega máis xente da contorna e da parroquia que do casco urbano. “Pasa algo moi estraño en Redondela no que Chapela parece máis de Vigo que de aquí. O Concello presta axuda para facer todo isto posible, pero necesitamos unha maior promoción para chegar a todo o municipio”.
O crecemento do festival, despois de once anos é evidente, con grupos cada vez máis grandes e de maior recoñecemento. Moitos deles achéganse á organización a través das redes sociais e despois fan unha criba entre os 13 compoñentes da asociación, pero tamén intentan contactar con grupos dos que son fans. Este ano conseguiron poñerse en contacto con Saratoga que foi a agrupación máis difícil de programar, por ter recoñecemento internacional e base en Madrid.
Ademais da música, ofrecen un posto de comidas, do que se encarga o Club de Remo de Chapela e no que haberá bocadillos de diferentes tipos. Tamén haberá o habitual posto de bebidas que para esta edición contará co dobre de suministros. O ano pasado remataron en seis horas os 35 barrís que encargaran e sentíronse desbordados, polo que prefiren ser “máis previsores”. Todo o recadado destínase aos gastos do Berete Rock e en función do vendido poden ir pensando na seguinte programación.
Agradecen ao Concello de Redondela e a todos os colaboradores que fan posible este evento de gran magnitude. O Paseo Marítimo de Chapela espera a chegada de case 5.000 persoas para desfrutar do mellor Rock and Roll.
Patrocinadores:
Venlavar, Ortopedia Atlántica, Fisioterapia Marcos Canle, Qualery Culture, José Antonio López Martínez ,Nacho Gonzalez, Antonio Gago Barreiro, Cafetaría Rodeo, A Chabola Restaurante Tapería, CS82 Urban Style, Bocatería D Xura, Bar Princesa, Restaurante PeSaúde, DELIKIA , Group Alhacena, Rodosa, David Costas Cordal, Transportes Andaluz , Taller San Roque, La Guayra-Restaurante,Javier Gabian ,Zhuo Yuan , Nardi Mejillones, MABER, Distribuciones Jose Hermida , CasaRei Restaurante, Ortopedia Del Automóbil Chapela Manu Gardens e Aluminios Chapela.