As contas municipais do Concello de Soutomaior, con peche a 30 de xuño, mostraban unha liquidez de 2.095.000 euros. En comparación co ano pasado, a liquidez a 30 de xuño de 2023 era só de 1.372.000 euros, un incremento de máis do 50% en tan só 12 meses.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estes datos demostran a boa saúde económica na que se atopa Soutomaior hoxe en día”. O Goberno de Soutomaior conseguiu case 1,5 millón de euros en subvencións no que vai de ano.
O rexedor subliñou que “hoxe prestamos un maior número de servizos a súa veciñanza, ofrecemos unha axenda cultural e social moi atractiva para a poboación da comarca e estamos a desenvolver numerosas obras e actuacións para a transformación urbanística do noso concello (praza da Pedreira, praza da Aldea, estrada de Cortellas, saneamentos, asfaltados…), ao tempo que as contas municipais seguen crecendo”.
Outro elemento que explica estes datos de tesourería foi o esforzo do Goberno local para reducir nos últimos 12 meses o gasto corrente en case 200.000 euros (1.717.000 euros a 30 de xuño do ano pasado fronte a 1.519.000 euros a 30 de xuño de 2024). Isto conseguiuse grazas a aplicación por parte do Goberno de Soutomaior dunha política de redución de gastos superfluos e innecesarios.