Hoxe é Martes 24 de Setembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A orquestra clásica de Vigo adapta o Pasodobre Redondela de Soutullo 20 anos despois do seu descubrimento

Concertos-as-Beiras-02-750x375

As partituras do pasodobre “Redondela” foron locallizadas no 2003 no arquivo da banda de musica artística de Arcade. O seu director, Carlos Abad, adaptou a peza para interpretar coa banda e inmediatamente chegou aos oídos da presidenta da Fundación Reveriano Soutullo quen decidiu dar a coñecer este descubrimento ao Concello de Redondela.

“As partituras estaban desaparecidas e apareceron no 2003”, Alejo Amoedo.

Con motivo da súa recuperación, o Concello de Redondela presentou en 2005 este redescuberto pasodobre “Redondela” da man da banda artística de Arcade. Segundo o experto redondelán e doutorado na obra de Soutullo, Alejo Amoedo, a data de publicación podería ser 1899. “Sinalo esta data tendo en conta que Soutullo dedicoulle a peza ao seu querido amigo Bernardo Giráldez Del Campo, director da banda de música de Porriño da que o músico tamén formou parte a finais do século XIX,  antes de marchar a Madrid”. A familia de Soutullo sempre soubo da existencia dela, non só por un recorte de prensa que posuían e que data de 1933, senón pola tradición oral sobre as obras do compositor.

Alejo Amoedo

A Orquestra Clásica de Vigo ofrece o sábado 10 de agosto un concerto ás 22:00 horas (hora portuguesa) no Auditorio Municipal de Vilanova de Cerveira, cun programa dedicado ao mestre Soutullo, cuxa obra “A lenda do bico” acaba de cumprir os 100 anos. Neste concerto queren poñer en valor a música que lle dedicou á súa terra, patria repartida entre Ponteareas, Redondela e Vigo, recuperando as obras que lle dedicou a estas localidades. Manuel Martínez Álvarez-Nava, director da Orquestra de Vigo dende o seu nacemento fai 40 anos, foi o encargado de adaptar a peza de banda a orquestra e o fixo dende a súa experiencia sinalando que “non é sinxelo pero os que coñecemos a obra de Soutullo podemos imaxinar como podería ser e adaptar cada instrumento a unha das partes”. Será polo tanto esta a estrea absoluta da peza Pasodobre Redondela de Soutullo.

“Tiñamos xa a adaptación do Pasodobre Puenteareas e agora completamos o repertorio co de Redondela”, Manuel Martínez Álvarez-Nava.

O interpretación en orquestra está programada dentro do ciclo de concertos “ás beiras do Miño”, organizado pola Orquestra Clásica de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A programación busca ademais poñer en valor o patrimonio histórico da zona, xa que as actuacións terán lugar en espazos arquitectónicos e naturais de ambos territorios – Galicia e Portugal – e reforzar “cunha oferta cultural de primeira, esta rexión transfronteiriza como un destino turístico en alza”, como asegurou a deputada provincial, que lembrou proxectos xa en marcha na rexión transfronteiriza como Visit Río Minho Plus.

“Seguimos criterios que se facían fai 100 anos e poder imaxinar a peza para orquestra”, Manuel Martínez Álvarez-Nava.

Este mesmo concerto poderá escoitarse tamén no último dos eventos, que se celebrará o 12 de agosto ás 21:00 horas no Auditorio de San Bieito da Guarda.

CONCERTOS ÁS BEIRAS DO MIÑO: SOUTULLO

10.08.2024 | 22:00 (PT) | AUDITÓRIO MUNICIPAL DE VILANOVA DE CERVEIRA

12.08.2024 | 21:00 | AUDITORIO DE SAN BIEITO, A GUARDA

Reveriano Soutullo (1880 – 1932)

► Otoñal, “Polka para piano e cordas”

► Suite Vigo, “Suite sobre cantos rexionais galegos”

I. Andante. Allegro moderato. Allegro giusto. Quasi presto. Andante

II. Lento moderato

III. Muiñeira. Allegro. Allegro mosso. Più stretto

► Redondela, “Pasodobre” (Estrea Absoluta)

► Puenteareas, “Pasodobre”

Dirixe: Manuel Martínez Álvarez-Nava, director da Orquestra de Vigo.

Entrevista completa a Manuel Martínez Álvarez-Nava
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará