Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“A Recalada” chega a Arcade para poñer en valor as tradicións vinculadas con mar

charo bouzon, manu lourenzo, rosana comesaña e Diego Moreira

Embarcacións tradicionais, música e propostas para os cativos forman parte de “A Recalada”, un programa de actividades que se vai desenvolver no peirao de Arcade este sábado 17 de agosto. Unha xornada na que as citas principais xirarán en torno ao mundo do mar con navegacións en balandros, paseos en caiac e iniciación á vela lixeira así como música e actividades para os máis cativos e que nace co obxectivo de realzar o patrimonio marítimo galego facendo fincapé na relación que ten Arcade e Soutomaior co mar.

A Recalada é un encontro do Mar que se desenvolverá ao longo de toda a xornada do sábado 17 de agosto na zona do Peirao de Arcade. Na presentación do evento o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, salientou que “tradición, música, gastronomía e convivencia forman parte deste evento que pretendemos sexa un atractivo tanto para as xentes locais como para as persoas que nos visiten co fin de coñecer o noso concello e gozar dunha nova experiencia cultural e de lecer”.

Durante a xornada haberá actividades moi variadas relacionadas co mar, o turismo sostible, as artes de pesca, a artesanía local, a gastronomía, a música popular nunha ampla programación que contará con navegacións, concertos, exposicións, animación na rúa, artesanía, exposicións, obradoiros e actividades para a cativada e para todas as idades.

Entre as propostas atopamos un Encontro de Embarcacións Tradicionais que achega ao público a posibilidade de coñecer diferentes dornas, gamelas, bucetas ou botes que realizarán exhibicións de navegación tradicional a vela na contorna das Illas Alvedosas e que inclúen tamén visitas guiadas realizadas en terra.

Un evento no que xoga tamén un papel importante entidades como Culturmar, o Clube náutico de Arcade, a Confraría de Arcade ou a de colectivos como os de artesanía e comercio local, entre outros moitos.

Programa

A xornada arrancará as once da mañá coa apertura de diferentes propostas no Peirao. O público infantil poderá gozar durante todo o día dun espazo de lecer con xogos populares e os obradoiros “nos mariñeiros” onde aprenderán a realizar nos propios desta actividades e construción de barcos con materiais de refugallo. Instalarase tamén un tiovivo de madeira e abrirá as súas porta a “Mavy Bar” unha taberna típica con ambiente mariñeiro na que xantar, tomar uns petiscos ou un polbo á feira.

A sesión vermú estará amenizada pola Abeleiras do Alxán e as Chispas do Lérez e poderá visitarse unha feira de artesanía local. Haberá ademais a posibilidade de achegarse ao mar dun xeito diferente: navegando a bordo do balandro Santa Cruz, facendo un paseo en caiac ou achegándose á vela lixeira, Nestas tres propostas compre inscrición previa na páxina do Concello de Soutomaior con data límite o xoves 15 ás 14:00 horas.

Unha xornada que servirá tamén para coñecer diferentes proxectos vencellados co mar e que rematará coa música dos grupos Son das tabernas ás 21:00 horas e Falperrys ás 22:20.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará