Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior, moito máis que ostras

a recalada

O municipio de Soutomaior está a vivir este verán un incremento notable en canto a actividades culturais e festivas. Dende o goberno local explican que esta programación, na que se incluíu a I semana grande de Soutomaior ou a festa da Recalada – celebrada a pasada fin de semana para poñer en valor o mundo do mar- buscan dar á veciñanza unha alternativa con identidade propia, que dinamice a economía e que promova que este concello deixe de ser unha vila dormitorio para converterse nun referente na comarca. A próxima cita será esta fin de semana coa Punkativada “dúas xornadas dedicadas aos máis cativos e cativas”.

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior

Traballar a identidade do concello e promover actividades para todos os públicos con alternativas de ocio saudable e para toda a familia son os obxectivos que se marca o alcalde Manu Lourenzo, responsable directo da Concellería de festas. Asegura que dende o inicio do mandato esa foi unha teima do novo goberno que se está a traducir nun incremento no número de persoas que visitan o concello e favorecen tamén que a veciñanza non teña que saíir do municipio á hora de buscar alternativas de ocio.

Uns beneficios sociais e económicos xa que “estas actividades estanse a traducir nun incremento na facturación nos locais de hostalaría e nas reservas, segundo nos trasladan dende o sector” afirma Lourenzo.

Logo dunha fin de semana marcada pola celebración da I recalada cunha programación centrada no mundo do mar, chega este sábado e domingo, días 24 e 25, a segunda edición da Punkativada centrada nos máis cativos e cativas con obradoiros, concertos e espectáculos variados que se van desenvolver na Carballeira do Peirao.

O evento comezará, nesta segunda edición,  o sábado 24 de agosto ás 11:00h. co obradoiro creativo “Punki” onde as e os peques poderán deseñar looks punkis combinando materiais con imperdibles que servirán para unir, completar e suxeitar prendas co fin elaborar unha indumentaria efémera (vestidos, camisas, saias…)  para o festival.A continuación ás 12:00 h. terá lugar o concerto de ‘As Tareixas’ de Redondela, ás 13:00 h. chegará a quenda do directo de ‘Silforiña’ de Golfiños, unha viaxe en barco, onde poderás mergullar na bágoa dun poema, asustarse co ouveo dun lobo ou mexerse no luar dunha noite máxica.

Xa pola tarde, a actividade comezarán ás 17:00h co espectáculo Cirkompacto de Hellbrother. De 18:15 h. a 20:45h. os xogos de ‘paporrubio’ chegarán á Carballeira do Peirao de Arcade,xogos e pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes. A xornada do sábado despediráse co concerto Singular de Píscore ás 21:00 h. un orixinal espectáculo que mestura virtuosismo e ritmos musicais coa comedia xestual e o clown. O resultado? Diversión garantida para toda a familia.

O domingo Punkativada retomará a súa programación ás 11:00 h. co obradoiro creativo de `Palabras encadenadas’ unha cita onde se van a encadear palabras para que non se perdan creando unha peza artística con elas e así de xeito lúdico non perder o vocabulario que non usemos. A continuación chegará un dos platos fortes desta edición co concerto da GramolaGominola ás 13:00h. Unha banda de auténtico Rock&Roll en galego con Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (FesticultoresTroupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). Xa pola tarde, terá lugar un fin de festa por todo o alto co espectáculo ás 17:00 h. de Peterpunk e o neno imperdible protagonizado por PeterPunk e Brais das Hortas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará