O vindeiro 11 de setembro comeza o curso escolar. Nesa xornada volverán ás aulas os mozos e mozas que retoman ou inician as súas clases nos institutos do concello. Malia o temor de pais e nais do alumnado do IES Pedro Floriani pola presenza de maquinaria no recinto do centro dende o equipo directivo mandan unha mensaxe de tranquilidade “o edificio estará en condicións para que as clases se desenvolvan con total normalidade”.
A xefa de estudos do centro, Belén González aclara que a obra principal consistiu en retirar o tellado de amianto e substituílo por outro material e que “esa actuación está concluída” polo que non haberá problema para iniciar as clases que arranca en pouco máis de 15 días.
Aclara que o que resta por facer consistirá na ampliación do edificio que busca dotar de máis espazo ao centro, unhas obras que si se prolongarán ata o vindeiro maio pero que non interferirán no desenvolvemento habitual do curso. O uso das novas aulas que resulten da ampliación previsiblemente non comezarán a funcionar ata finais deste curso ou de cara ao vindeiro “trátase dunha actuación importante que leva o seu tempo para adaptalas as necesidades dos diferentes ciclos e estudos que se imparten no centro”.
A concellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destinou a esta obra 1,9 millóns de euros co fin de ampliar as instalacións en máis de 700 m2 e dotalo de novos espazos e servizos co fin de reformar a oferta de Formación Profesional mediante a cración de novas aulas polivalente e técnicas axeitadas. Un proxecto que xa rematou a súa primeira fase coa substitución das cubertas do centro.