Un mozo resultou ferido de arma branca durante a celebración do Entroido de verán de Redondela. Segundo confirmaron fontes da Policía Nacional consultadas por Europa Press, o presunto agresor foi detido tras os feitos, que ocorreron pasada a unha da madrugada do domingo. As mesmas fontes indicaron que o ferido se atopa fóra de perigo.
A agresión produciuse durante unha liorta, cuxas circunstancias están a ser investigadas pola Policía Nacional de Vigo. Ao lugar dos feitos desprazáronse emerxencias sanitarias, que atenderon e trasladaron ao ferido, ademais de Protección Civil de Redondela, en apoio dos axentes.