Redondela acollerá o sábado 7 de setembro unha nova edición da celebración da Carreira Popular Infantil, organizada polo Concello e coa colaboración da Asociación deportiva C.A.R. Poderán participar de balde nenos e nenas desde a categorías Pitufo, nados no ano 2022, ata a Sub 18, nados no ano 2007, e o prazo de inscrición continúa aberto ata o 4 de setembro.
A distancia da carreira será de 50 metros para os máis pequenos até os 2.300 metros para os maiores. A partir das 19.00 horas comezarán as carreiras na rúa Alfonso XII. A meta estará situada na mesma rúa, fronte á Casa do Concello. O ano pasado chegaron a contar con máis de 230 participantes e este esperan incluso poder superar a cifra.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, presentaron a proba xunto coa directiva do CAR con Ana María Romasanta, Gabriel Corujeira e José Antonio Lago. Tanto desde o Concello como desde o CAR animan a toda a rapazada a participar nesta festa do atletismo, que conta xa con máis de 140 inscritos, sobre todo nas categorías dos máis pequenos e pequenas. Trátase dunha carreira popular “no que o máis importante é fomentar os valores do deporte e os hábitos de vida saudables entre a rapazada”, sinala Rivas, xa que nesta proba “haberá medallas para todos os participantes”.
Dende a directiva do Club de Atletismo de Redondela (CAR) explican que “haberá sorpresas, entre elas a entrega de bolsas con avituallamento pensada para cada idade con algunha lambonada e coma sempre a entrega de dorsais”. Ás categorías menores terán todos medalla de participación e os tres primeiros postos das categorías sub12 e sub18 recibirán un trofeo conmemorativo.
As inscricións para a proba son de balde, e deben realizarse na páxina web de Cronotec ata o 4 de setembro. Para máis información o teléfono de contacto é o 667833100.