O xulgado de instrución número 2 de Redondela decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o home detido a pasada fin de semana por supostamente agredir a un mozo cunha arma branca durante o Entroido de Verán.
Segundo informaron fontes xudiciais, a xuíza investiga ao home como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa. Ademais, acordou tamén unha medida de prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima, no caso de que se acordase nalgún momento a posta en liberdade do investigado.
A Concelleira de Cultura e Interior, Rita Pérez, realizou un balance positivo do evento pese ao suceso e destacou que as incidencias recollidas no Hospital de Campaña e Protección Civil foron “mínimas tendo en conta a afluencia de xente” que acudiu a Redondela durante a xornada. En total, no dispositivo conxunto de seguridade establecido entre a Policía Local e a Policía Nacional durante a xornada rexistráronse dous detidos. Un deles foi o arrestado como un presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa, e outro acusado por roubo con violencia dun teléfono móbil.