Foto da presentación da tempada e aniversario do club
O club de balonmán as Choqueiras presenta o equipo sénior que xogará no seu debut en Segunda Autonómica que conta con doce xogadoras provenientes do seu equipo xuvenil, así como varios fichaxes de xogadoras doutros equipos. Dende a directiva expresan a súa satisfacción por este logro como club formador.
As Choqueiras de Redondela naceu en 2019 cun único equipo infantil e cinco anos despois contan con tódalas categorías dende alevín ata a xuvenil. Esta nova tempada debutan co equipo sénior en Segunda Autonómica “con moita ilusión por cumprir o que dende a dirección sinten como “un soño feito realidade froito do crecemento ao longo do último lustro con arredor de 100 fichas inscritas”, sinala a secretaria e coordinadora Débora Bouzón.
Comezaron a adestrar o 8 de agosto no pavillón municipal A Marisma con Iulian Decu aos mandos ao que se suma un adestrador de porteiras. A plantilla está formada por ex–xogadoras do club, varios fichaxes de fóra e as xogadoras do xuvenil que ascenderon este ano por idade á categoría máxima. Estas últimas xogaban na Liga Ouro con moi bos resultados, polo que asemella que van a dar moita guerra na pista. A maioría delas xa se coñecían e xunto coas novas incorporacións “fixeron moi boa piña e están moi ilusionadas”, engade a coordinadora.
Este é un progreso natural que din “teñen que levar pasiño a pasiño”, pois son un club formador que en cinco anos logrou consolidar unha base potente que fixo posible este novo equipo sénior. Agora o reto é a parte económica. A categoría superior supón maiores gastos, tanto en arbitraxe como en equipamento e seguros.
Comezarán a tempada a mediados de setembro e o obxectivo e seguir avanzando e ascender a Primeira Autonómica, pois segundo Bouzón “a ilusión é o máis importante e hai que pensar en ir escalando chanzos. Se non é este ano será o seguinte”.
A Federación Galega de Balonmán xa publicou as datas e horarios dos partidos desta nova tempada que comeza algo máis tarde do habitual para as mozas de Segunda Autonómica. O primeiro partido será o 3 de novembro contra o BM Brigantium Nunegal en A Coruña.