Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Balance positivo do verán cun descenso das incidencias nas praias de Redondela respecto a anos anteriores

Socorrismo praias

O Concello de Redondela fai un  balance positivo da tempada de praias que comezou o 15 de xuño e rematará o peóximo 15 de setembro. Tanto no areal de Cesantes como no de Arealonga, en Chapela, rexistráronse incidencias puntuais que demostran unha evolución positiva ao longo dos últimos anos.

A alcaldesa de Redondela Digna Rivas, e a concelleira de Seguridade Rita Pérez Táboas, visitaron as instalacións do servizo de socorrismo da praia de Cesantes onde valoraron a tempada estival como “tranquila e con escasos incidentes desde que comezou o servizo, o pasado 15 de xuño”, sinala Rivas.

Houbo catro rescates acuáticos de bañistas na praia de Cesantes, con intervención tanto dos socorristas como da embarcación. En Chapela remolcaron un bote que precisaba axuda ata o peirao. Os incidentes leves víronse reducidos considerablemente con respecto a anos anteriores. Ata o de agora rexistráronse 9 picaduras de anemones entre as dúas praias “cando noutros anos se rexistran máis dun cento”, sinala Rivas. En canto a picaduras de insectos só se trataron dúas, unha cantidade mínima con respecto ás ducias de casos que adoita haber outros anos. Feridas por cortes ou abrasións rexistráronse 40 entre as dúas praias, unha cifra tamén algo inferior á de anos anteriores.

A alcaldesa lembra que “o Concello de Redondela pode presumir de ser o único municipio da contorna que ten o servizo de socorrismo operativo desde o 15 de xuño”. Rivas destaca o esforzo que se fai desde o Concello para que este servizo estea en funcionamento durante tres meses “para que a veciñanza poida gozar das nosas praias nas mellores condicións e con total seguridade ”. O servizo seguirá funcionando ata o próximo 15 de setembro tanto no areal da Punta como no de  Arealonga. Os dous dispositivos están operativos todos os días, incluídos festivos, en horario continuado, de 12:00 a 20:00 horas.  O servizo conta tamén con dúas embarcacións, unha con base na zona de Chapela e a outra na zona de Cesantes “para realizar labores de vixilancia ao longo de toda a zona costeira próxima as praias”.

Cadeiras anfibias para persoas con mobilidade reducida

O servizo de socorrismo ofrece tamén cadeiras anfibias para os usuarios tanto na praia de Cesantes como en Arealonga “o que permite ás as persoas con mobilidade reducida gozar dos nosos areais e do baño con todas as comodidades e garantías”, explica Digna Rivas. Este material está a ser moi demandado por persoas de todas as idades con problemas de mobilidade, e o persoal do servizo de socorrismo asiste a estes usuarios en caso de que o precisan tanto para o acceder á praia como á zona de baño.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará