A Concellería de Cultura denuncia a discriminación manifesta que o Concello de Redondela está a sufrir por parte da Xunta de Galicia ao quedar completamente ao marxe dos grandes concertos programados na provincia dende o Xacobeo. Por outra banda, o edil Eduardo Reguera reclama da Xunta que se reabra a Illa de San Simón
A pesar de ser un punto de referencia no Camiño Portugués, Redondela non contará con ningunha das grandes actuacións programadas dentro do Ano Xacobeo. Os milleiros de peregrinos que durante estes meses están a pasar polo albergue e que confirman o noso municipio como un dos referentes no camiño a Santiago dende o sur, non parecen ser razón de peso para que o noso concello conte cunha das citas musicais que tanto están a ser publicitadas dende o Xacobeo, a pesar de que outras localidades con menor entidade e menor número de habitantes si van recibir a visita dalgún grupo de renome. Así o explicaba o edil de Cultura, Eduardo Reguera quen aseguraba que foron infrutuosos os numerosos intentos realizados para contactar co Xerente do Xacobeo e coñecer o motivo de que Redondela fora a gran esquecida da programación da Consellería. Referíase así o edil a concertos como os que durante todo o verán se van poder ver noutros concellos da provincia tales como Joaquín Sabina en Vigo e Lalín, Amaia Montero en Ponteareas, Dulce Pontes en Tui, Jarabe de Palo en Ribadumia; Hombres G en Cambados e Baiona; Coti xunto a Coque Malla en Sanxenxo; Malvela en Soutomaior ou Cristina Pato en Tui. Illa de San SimónO concelleiro aproveitou tamén para criticar a xestión que dende a Xunta se está a facer da Illa de San Simón. Reclama que máis alá de citas puntuais e privadas esta illa debería estar aberta aos veciños e aos visitantes cando menos durante os meses de verán por ser un foco de atracción turística importante.