O Goberno local vén de presentar un mapa con todos os establecementos do comercio local. O mapa, que estará dispoñible en formato físico na Oficina de Turismo municipal e en formato dixital na páxina web do concello. Ten como obxectivo que as persoas que visiten Soutomaior coñezan as diferentes opcións para consumir en establecementos locais e que iso repercuta positivamente nos negocios.
Cada día pola Oficina de Turismo municipal de Soutomaior pasan decenas e mesmo centos de persoas. Xusto este martes, 27 de agosto, a oficina tivo o récord de persoas atendidas nunha xornada, 484 visitantes. Neste sentido, o Goberno traballa con medidas como a elaboración deste mapa dos establecementos do comercio local para sacar o máximo proveito posible ao volume de visitantes que chegan ao noso concello.
Outra das medidas desenvoltas para fomentar o comercio local é a ampliación dun dos principais aparcadoiros da Avenida Xosé Solla, en pleno núcleo comercial de Arcade, que comezou a pasada semana, e coa que o Goberno de Soutomaior ten previsto triplicar o número de prazas que actualmente ofrecía ese aparcadoiro. Con esta ampliación, Soutomaior contará con 100 prazas de aparcadoiro de balde en todo o núcleo comercial que prestan servizo directo aos negocios.
O alcalde Manu Lourenzo agradeceu “o esforzo que día a día fan os nosos comerciantes para que Soutomaior sexa un concello vivo e siga avanzando”. Ao que engade: “Hoxe Soutomaior conta con máis xente traballando en mantementos e limpezas ca nunca. Mellorou as contas municipais e o aforro, vai mobilizar no primeiro orzamento deste goberno máis de 1 millóns de euros en obras e proxectos e ten unha axenda cultural e de eventos que é referencia en toda a contorna”.