O Concello de Redondela conseguiu abonar en tempo récord a totalidade das facturas pendentes por valor de 2,7 millóns de euros. Os pagos comezaron a realizarse a mediados de xullo e remataron esta semana, antes de finalizar agosto. A débeda saldouse moito antes do prazo establecido, que estaba fixado para o mes de outubro.
A débeda saldouse moito antes do prazo establecido, que era o mes de outubro. Os pagos comezaron a realizarse a mediados de xullo e remataron a semana pasada, antes de finalizar agosto. A alcaldesa, Digna Rivas, agradece “a gran labor dos traballadores do Concello que conseguiron adiantar os prazos previstos e a totalidade das facturas están saldadas xa, o que demostra que non existe ningún problema de Tesourería neste Concello”.
A rexedora lamenta que o PP “provocase unha alarma social con mentiras, porque a realidade é que o Concello non está en quebra, nin houbo intervención ningunha, e os pagos fixéronse tal como anunciamos no seu momento, mesmo máis rápido do previsto en tan só mes e medio”. “Queda demostrado que a situación financeira do Concello de Redondela está saneada, cun remanente de Tesourería de case 3,7 millóns de euros que permitiu facer o pago das facturas, e con débeda 0”, sinala Rivas. A alcaldesa agradece tamén “o apoio responsable” do BNG para sacar adiante no pleno o recoñecemento extraxudicial das facturas e que os provedores puidesen cobrar. As facturas que se pagaron corresponden ao ano 2023 e algunhas de finais de 2022. Os pagos quedaran pendentes por unha avaría informática moi grave que sufriu o departamento de intervención o ano pasado, e iso atrasou todo o procedemento.
O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, denuncia que “intoxicación mediática” por parte dos populares “só busca entorpecer o traballo do goberno municipal e provocou numerosos prexuízos á veciñanza”. O edil explica que “a falsa alarma creada polos populares sobre a situación financeira do Concello fixo que varios provedores deixasen de subministrarnos material, co que moitas obras e arranxos que era necesario realizar en diferentes puntos do municipio non puideron facerse”.