O primeiro equipo da S.D. Pazos de Borben F.S. comezou os adestramentos a primeira semana de agosto para preparar unha esixente e complicada tempada 2024/2025. Os partidos da Liga en Terceira División Nacional comezan oficialmente o 14 de setembro e de forma paralela están xa a desenvolverse os partidos da Copa Galicia, onde na primeira xornada conseguiron vencer ao Baíña.
O equipo volve estar dirixido por segundo ano por Alberto Matilla , quen axudado por Antonio Cernadas intentarán mellorar o noveno posto alcanzado o ano pasado en Terceira División Nacional. Comezaron a competir con forza e venceron na súa visita ao Baíña FS cun resultado de 1 fronte a 5, dentro dos partidos da Copa Galicia.
Dende a directiva explican que “conseguiron chegar a unha praza que historicamente sempre se nos atrancou, e tocou traballar moito para conseguir unha xusta vitoria ante un Baíña que se adiantou no marcador”. Agradecen aos “amigos de Baiona o seu exquisito trato”, e destacan a “nutrida presencia da afección vermella que animou sen parar durante os 40 minutos”. Os goleadores foron Pablo, Diego, Martin, Luis e Mariete.
Esta semana prepáranse para unha nova eliminatoria de Copa nos dezaseisavos de final, onde recibirán o domingo ao Stellae FS de Segunda B, equipo reforzado con xogadores como o internacional portugués Fabio Semedo ou Said entre outros.