Dende hai máis dunha década a Escola Oficial de idiomas conta cunha sección no Ies Pedro Floriani que permite a todas as persoas que o desexen achegarse ao inglés en horario de tarde ou incluso matricularse na modalidade de clases semipresenciais para aqueles que non poden acudir a todas as clases. Malia que o curso arranca este mércores, ata o vindeiro 20 de setembro manterán aberta a matrícula que se pode xestionar en liña na web www.eoidevigo.org ou directamente nas instalación de Redondela. Durante toda a semana ofrecen tamén xornadas de portas abertas.
CORTE
O inglés segue a ser a materia pendente para moitos. Unha carencia que se pode corrixir achegándose a estas clases que se imparten en Redondela e que permiten ao alumno iniciarse, completar ou perfeccionar as súas habilidades na lingua de Shakespeare.
Na sección de Redondela impártese o ciclo completo dende A1 ata C1, proporcionando así diversas opcións formativas tanto para quen desexa obter unha certificación oficial como para quen prefira aprender sen a presión dos exames. O alumnado accede a un determinado curso en base ao seu nivel no idioma atendendo aos estudos feitos anteriormente, tal e como nos explicaba a xefa de estudos do centro, Ana Prieto.
Co obxecto de facilitar a aprendizaxe, aquelas persoas que non poden asistir ás clases presenciais dúas veces a semana poden inscribirse nos cursos semipresenciais. Nestes casos o alumnado asiste a unha clase presencial de dúas horas cada semana e completa tarefas semanais na aula virtual, proporcionando asú unha maior flexibilidade para conciliar o estudo coa vida persoal ou profesional. Con esta variedade de opcións, a Escola Oficial de Idiomas segue a ser un referente no ensino de idiomas e ofrece a oportunidade de aprender novas linguas nun ambiente adaptado ás necesidades de cada estudante.
Prieto anima a calquera persoa con inquedanzas e desexos de manexarse en inglés a que probe nesta Escola onde o idioma se aprende a partir da lingua oral e a práctica, deixando en segundo plano a gramática.