Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

100 deportitas do CPA Arealonga participan no V Patina na Rúa

WhatsApp Image 2024-09-10 at 17.40.28

O Club de Patinaxe Artística  Arealonga, en colaboración co Concello de Redondela e con motivo do fin do verán, organiza este sábado 14 de setembro a exhibición “Patina na Rúa” que terá lugar ás 19:00 horas na Pista da Xunqueira. A intención é dar a coñecer o seu potencial e animar á xente a sumarse a un deporte menos coñecido en Redondela pero con moito nivel entre os nosos deportistas.

“Queremos que as familias e os viandantes poidan ver o traballo feito durante esta tempada”, Nerea Estévez.

A coñecida pista de cemento da Xunqueira en Redondela acollerá a 100 patinadores e patinadoras dos distintos grupos do club de Chapela quenes farán as súas exhibicións e rutinas deste ano para ensinarllas aos viandantes e interesados. Segundo a adestradora Nerea Estévez, “tamén estarán presentes os organizadores e as profesoras do club desta disciplina deportiva, para dar conta de todo o que poida acontecer e ensinar o seu bo facer sobre patíns”.

“As coreografías que poderemos ver serán os bailes dos que compiten en grupo e as rutinas individuais”, Nerea Estévez.

Ao rematar o espectáculo ofertado polo club, os rapaces e rapazas que queiran probar e animarse a saír a pista cos seus patíns poden facelo. Non se precisa inscrición previa e dende a directiva expresan o seu desexo de “abrir as portas do Arealonga aos e as interesadas e celebrar un día ao aire libre de patinaxe”. Para Estévez “é importante dar a coñecer este deporte menos popular, comparado con outros, en Redondela. Sobre todo tendo en conta os logros acadados en tan só 6 anos de existencia do club”.

HISTORIA DO CLUB DE CHAPELA

O CPA Arealonga naceu no ano 2018 e dende entón acumulan numerosos galardóns a nivel galego e nacional. Estreáronse nas competicións en 2019, levando 15 patinadores con tan só oito meses de adestramentos á I Fase de Niveis conseguindo o 100% de aptos nas probas. En maio do mesmo ano, dan o gran salto ás probas de acceso á categoría nacional, celebradas en Boiro, e nas que Alba Rodríguez Costas – en Benxamín naquel momento – consigue o paso ao nacional. Un mes despois a mesma patinadora conseguiu o cuarto posto, empatada coa terceira, no Campionato Provincial. A partir de aquí continúan levando á base ao máis alto con logros de Noa Silva e Naia Buján en benxamín e Daniela Puga e Nuria Vidal en alevín , que os situou no medio da táboa a nivel rexional. Remataron o primeiro ano de competicións con “forza e orgullo tras conseguir o pase de 23 patinadores e patinadoras nas fases de niveis”. Uns inicios cos que xa comezaron a soar forte no mundo do patinaxe.

A partir de 2020 comezan a posicionar ás súa deportistas nas probas de acceso a Categoría Nacional conseguindo o pase Judith Aira e Naia Buján en Benxamín e Daniela Puga e Alba Rodríguez en Alevín. Este ano destaca o primeiro posto acadado por Noa Silva na primeira fase da categoría rexional en Benxamín que lle deu a oportunidade de pasar a categoría nacional. 

Coa chegada da pandemia tiveron que facer un parón obrigado polas circunstancias do momento e co tempo, pouco a pouco conseguiron retomar os adestramentos. Non será ata 2021 cando volvan ás competicións, tamén un ano de moitos logros. Participaron no Trofeo Deputación Pontevedra na Categoría Nacional, onde a Benxamín Martina Álvarez acadou o primeiro posto, seguido tamén pola fornelense  Yanira Conde no segundo posto e sumándose ao podio en Alevín Alba Rodríguez como gañador. A estas alturas formaron o grupo Show con nove patinadoras e presentáronse en maio ao Campionato Galego de segunda categoría quedando de cuartas entre os 20 participantes da comunicade. Coas ganas e a ilusión de ir achegándose ao máis alto, participaron no Trofeo de Salvaterra e no Trofeo Carballiño quedando de primeiras nas dúas competicións e de segundas na Copa Galega.

A parella de artístico formada por Sabina Gómez e Pablo Mendoza na categoría infantil proclamáronse campións do Trofeo Xunta de Galicia en 2023, para despois chegar a ser os campións galegos, campións de España e Campións de Europa no mesmo ano. O grupo Show tamén subiu ao podio e proclamáronse campioas galegas o que lles permite competir no Campionato de España celebrado en Barcelona acadando o 14º posto de 22 participantes.  Pouco despois anímanse a adestrar na modalidade “Solo Danza”, menos coñecida pero que está subindo en popularidade, presentando a seis patinadoras ás probas de acceso e conseguindo o ascenso a categoría nacional. Trátase de Yanira Conde e Martina Álvarez en Alevín; Noa Silva e Cloe Durán en Infantil; Sara Miguéns en Júnior e Sabela Estévez en Sénior. Remataron esta etapa alzándose co título de campión galego Pablo Mendoza na categoría infantil e subcampioa galega Noa Fraguero. Isto permitiulles clasificarse, xunto con Martina Álvarez, para o Campionato de España celebrado en Cunit-Barcelona e situándose tamén no medio da clasificación xeral entre o mellor de España.

“Hai moito nivel nas categorías inferiores e en Cataluña entrenan a tope”, Nerea Estévez.

A todos estes trofeos e podios aos que conseguiron subirse ou liderar, súmanse moitos outros. Este ano 2024 continuaron superándose e crecendo. A Infantil Yanira Conde quedou primeira na proba de Danza Categoría Nacional Trofeo Xunta de Galicia, seguida de Martina Álvarez cun bronce, quen chegou a proclamarse pouco despois campioa galega e clasificarse para o Campionato de España de Danza celebrado en Gandía  onde chegou ao 15º posición de 18 participantes. Ademais, o seu cuarteto de categoría nacional acadau o quinto posto no galego co programa “Con un nudo en la garganta” e tamén se clasificaron para o estatal conseguindo o noveno posto. Por último, este ano crearon o Grupo Show Grande con 22 patinadores que debutaron no Trofeo de Carballiño proclamándose campións. En canto a Categoría Nacional Libre tamén destacan a nivel provincial, sendo Pablo Mendoza e Sabina Gómez os primeiro clasificados e campións provinciais, seguidos de Antía Aira como subcampioa.

“Este ano quedamos co cuarteto novenas de España levando moi pouco tempo adestrando”, Nerea Estévez.

Durante este mes de setembro continúan adestrando. Despois da celebración da quinta edición de Patina na Rúa, que se celebra este sábado ás 19:00 horas na pista da Xunqueira, teñen previsto participar unha vez máis no Campionato Galego que se celebra este 21 de setempro e que será clasificatorio para o Campionato de España.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará