As actuacións previstas contarán cun investimento de 18.000 euros e consistirán na elaboración dun censo sobre a biodiversidade da zona e a eliminación de especies exóticas invasoras como a “margarida africana”. Tamén se elaborará unha guía, en formato dixital, que permitirá poñer en valor a riqueza natural da enseada.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, xunto coa Directora de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado Ana Muñoz Llabrés, visitaron hoxe a zona do litoral onde se levarán a cabo traballos de rexeneración ambiental. O proxecto centrarase na mellora dos ecosistemas dunares e intermareais da enseada de San Simón co obxectivo de mitigar os efectos do cambio climático.
A bióloga Ana Vázquez, responsable do proxecto, explicou que as actuacións que se levarán a cabo serán por unha banda a elaboración dun censo sobre a biodiversidade da zona, con multitude de aves, e por outra a eliminación de especies exóticas invasoras como a “margarida africana” e tamén os residuos sólidos urbanos. Tamén se elaborará unha guía, en formato dixital, que permitirá dar a coñecer a riqueza natural e a biodiversidade deste espazo de especial protección ambiental incluído na Rede Natura 2000.
Este proxecto, financiado con máis de 18.000 euros, está incluído no programa de Plan de Sostibilidade Turística financiado pola Unión Europea a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e xestionado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural – GDR14, da que forma parte Redondela, a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que a enseada de San Simón “é unha xoia natural coa que conta Redondela á que hai que coidar e preservar, e este proxecto responde a este fin”. Muñoz Llabrés amosouse “moi satisfeita por poder ver no terreo o que significa recuperar espazos naturais non só para o turismo, senón tamén para os propios residentes.
Na visita realizada esta mañá ao areal de Cesantes participaron tamén Ilona Shekyants, Subdirectora adxunta de sostibilidade Turística do Ministerio de Industria e Turismo, e por parte da Axencia de Turismo de Galicia Iván Meléndez, director de Competitividade e Marta Trebolle. Xunto coa alcaldesa de Redondela estiveron os concelleiros, Rita Pérez Táboas, responsable de Turismo, Pilar Martínez, de Medio Ambiente, e Roberto Villar, responsable de Infraestruturas e Sostibilidade. Tamén asistiron representantes doutros Concellos do GDR14.