O Concello reparte 1.300 axendas entre o alumnado de primeira dos centros públicos do municipio. Nesta edición as protagonistas son mulleres de Redondela que destacan no mundo do deporte: a futbolista Paula Domínguez Encinas, “Pauleta”, a piloto Alba Fernández López, a remeira Antía Domínguez Rodríguez, a ex xogadora e técnica de balonmán Carla Abad Alonso, a árbitra de fútbol Elena Casal Fernández e a árbitra internacional de Taekwondo Conchy Martínez Carballo.
Seis mulleres que “son unha escolma do talento feminino co que conta Redondela no mundo do deporte. Desde o goberno local cremos que é importante visibilizar o seu traballo e os seus éxitos para que sirvan tamén como referente dos nosos nenos e nenas” explicou a alcaldesa Digna Rivas quen puxo en valor estas axendas porque “ademais de ser unha ferramenta de comunicación útil entre alumnado, familias e profesorado, serven tamén para fomentar a igualdade de xénero e de oportunidades en todos os eidos e rachar cos estereotipos”.
Na presentación celebrada no Colexio Outeiro das Penas participaron dúas das protagonistas destas axendas:Elena Casal e Conchy Martínez, que falaron cos nenos e nenas e responderon ás súas preguntas. As dúas árbitras amosáronse “orgullosas” por este recoñecemento á súa traxectoria no mundo do deporte.
Na mesma liña de poñer en valor o papel da muller na sociedade, en anos anteriores a axenda escolar elaborada polo Concello deu protagonismo ás Madriñas de San Simón e ás mulleres na ciencia.
A edición para este curso 2024/25 inclúe tamén información de interese sobre actividades que se celebran ao longo de ano en colaboración cos centros de ensino, como a xornada de Lectura na Rúa para promover a lectura, a campaña “unha semaniña enteira” para a promoción do uso do galego ou o proxecto “Espallar tinta” que fomenta a escritura en lingua galega.