Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O “Circo de Pinocho” levanta o pano cun espectáculo que combina números circenses, teatro e música

1-rueda-prensa

Eduateatro da un salto cualitativo logo de dez anos apostando pola cultura e polo teatro. Baixo a dirección de Paulo Medal o novo espectáculo da compañía de Xandre Vázquez estrea en Redondela o vindeiro día 4 de outubro un “circo teatral” con música orixinal e unha historia que parte do conto tradicional de Pinocho adaptado a unha carpa de circo.

Paulo Medal, director do espectáculo

Circo tradicional combinado con teatro, unha proposta ambiciosa e arriscada que supuxo un esforzo para o seu autor, Paulo Medal quen confesa que foi necesario un gran traballo para lograr o equilibrio ideal que permita ao espectador “asistir a un espectáculo novidoso, un espectáculo de variedades como é o circo con acróbatas, malabaristas, magos ao tempo que se achegan a unha historia emocionante”.

A montaxe, creada unicamente para representarse en carpa, combina o teatro musical cunha escolma dos números máis tradicionais do circo, empregando como fío conductor a Pinocho, un dos personaxes máis coñecidos da literatura universal.

Durante as dúas horas de función, descanso incluído, o público acompañará ao protagonista a cumplir o seu soño de montar un circo. Para iso, Gepetto construirá aos bonecos que, coa maxia da Fada Mimadriña, volveranse de carne e óso para ofrecer números de corda frouxa, malabares, suspensión capilar, trapecio… aderezadas por unha banda sonora orixinal composta por 20 cancións.

O equipo creativo e o elenco do Circo asistiron hoxe á presentación oficial na carpa instalada no aparcadoiro entre o Pavillón e o IES Mendiño e no que Vázquez lembrou que “Redondela é o noso amuleto e por iso o Circo de Pinocho ten que estrearse aquí”. Dez funcións que suporán o inicio dunha xira que os levará a Mos, Gondomar, Ponteareas, Salceda e Tomiño para rematar o ano con funcións de Nadal en Compostela.

Xandre Vázquez, produtor de Educateatro

Un acto que contou coa presenza da alcaldesa, Digna Rivas e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil quen se subiron ao escenario para apoiar “unha proposta arriscada e innovadora que aposta pola calidade nun espazo completamente diferente, baixo unha carpa e que interpela directamente ao público”. Sutil auguraba un éxito rotundo a esta nova proposta de Educateatro.

Jacobo Sutil, director de AGADIC

A alcaldesa salientaba tamén a singularidade deste espectáculo e animaba a veciñanza a achegarse a estas dez funcións que arrancarán coa estrea o venres 4 de outubro, e continuarán os días 5, 6, 11, 12 e 13. Os venres realizarase unha única función ás 18:30h, os sábados ás 17:00h e ás 19:00h e os domingos, ás 12:00h e ás 17:00h.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

As entradas pódense retirar no enderezo www.circodepinocho.gal e os prezos xerais oscilan entre os 15€ na grada e palcos laterais e os 20€ no palco central. Os venres, día da persoa espectadora, as localidades terán un prezo único de 10€ , e os domingos ás 12:00h, un desconto xeral de 3€ en cada boleto.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará