O goberno provincial insta ao executivo municipal a aclarar se o informe desfavorable da Secretaría do Concello supón unha renuncia definitiva ao proxecto de arranxo da EP-2702. Couselo cualifica a situación de “inédita” e critica a tardanza do goberno de Pazos que logo de 154 días sigue sen asinar o convenio que permitiría poñer en marcha a obra.
A Deputación provincial de Pontevedra explica que este mércores recibiu un escrito do Concello no que se traslada que a Secretaría Municipal emitiu un informe desfavorable sobre o convenio, cuxo borrador foi enviado hai xa 154 días –o pasado 24 de abril— sen que fóra asinado por parte do goberno municipal.
“Este goberno provincial inviste de xeito recorrente e con total normalidade en múltiples concellos da provincia. Agora ben, que un Concello rexeite un convenio destas características é unha situación inédita na Deputación”, sinala a deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, tras analizar o escrito no que menciona unha petición de asistencia xurídica para xustificar a validez da proposta de cesión dos terreos. “A asistencia xurídica que solicita o Concello non é necesaria pois, como non podía ser doutro xeito, a Deputación cumpre escrupulosamente a legalidade, como con todos os concellos; é o Concello quen debe resolver as súas incertezas e obter o ‘ok’ da súa Secretaría”, manifesta Couselo. O escrito remitido á Deputación este mércores non vén acompañado do devandito informe de Secretaría.
A Deputación insta ao executivo municipal a aclarar con urxencia se, con esta comunicación, renuncian de xeito definitivo ao proxecto no exercicio de 2024 e, en consecuencia, se o goberno provincial pode dispoñer deses fondos para investir noutros puntos da provincia.
Logo de corrixir as deficiencias no proxecto herdadas do anterior goberno e de reservar o crédito orzamentario preciso, o Servizo de Infraestruturas da Administración provincial púxose en todo momento a disposición do Concello de Pazos de Borbén para avanzar na tramitación, sen que o municipio asinara o imprescindible convenio para mellorar o treito da EP-2702. Esta situación contrasta coa axilidade e a normalidade coa que a Deputación asina acordos deste tipo con outros concellos da provincia.
Finalmente, Couselo solidarizouse cos veciños da zona despois de cinco meses de espera por parte do Concello de Pazos de Borbén, razón pola cal urxiu ao goberno local a que aclare definitivamente o futuro do proxecto.