O Brisa Chiringo, local de música en vivo na Praia de Cesantes, presenta unha nova edición do Brisa Fest que terá lugar este sábado 28 de setembro a partir das 18.00 horas. Contará con tres concertos de bandas galegas e internacionais para facer bailar a todo o mundo a ritmo de rock e, como novidade, presentan un posto de tatuaxes da man de Tattoo Eledy.
Brisa Chiringo leva cinco anos en activo, dando concertos e ofrecendo servizo de hostalaría en tempadas estivais. Dende a organización, Chopi, explica que “co tempo foron mellorando a calidade do son”, gracias á inversión de máis de 5.000 euros en equipo e a incorporación de Nico como técnico de son. “Non é fácil comezar, pero agora xa estamos moi ben posicionados con máis de 6.000 seguidores en Instagram e o aumento da calidade dos concertos”, sinala Chopi que agradece “o gran traballo de Beti en redes sociais”.
Este ano tocan Jay & The Smoking Machines de Redondela, Black Stereo de Vigo e Helen Helen que veñen dende Valencia. “Intenamos facer as cousas con respecto e agarimo e sempre ven un grupo de do municipio”, explican dende a organización.
Damián de Tattoo Eledy acompañará o festival ofrecendo servizo de tatuaxes e piercings con prezos reducidos. Esta é unha tendencia moi popular en bodas e festivais do panorama actual.
Niño Corvo (Vigo) será este ano o encargado de dar de comer aos asistentes. Farán as súas famosas “Burguers Aplastadas” e “CangreBurguers” ata esgotar existencias. Sobre a comida, Chopi apunta que “todos os anos queremos innovar e traer unha oferta gastronómica variada e interesante, con algunha oferta que soe sorprender”.
O aforo está posto en 220 persoas, con espazo suficiente para bailar comodamente, e as entradas poden adquirirse no Brisa Chiringo ou online en entradium.com. Case están esgotadas, polo que recomendamos non esperar ao propio día para mercalas. Cabe destacar que outra das novidades é a pulseira que desta vez será artesá e de coiro para que quede como recordo.
O evento pon fin a tempada e campaña de verán e dende o Brisa Chiringo agradecen ao persoal composto por Amanda, Marta, Iván ou Bento, Beti, Nico e o socio Alex polo seu traballo durante todo o ano.