O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero comprométese a asinar o documento sempre e cando sexa ratificado por todos os membros da corporación, incluíndo PSOE, PP e BNG. O rexedor toma esta iniciativa ao mostrarse favorables todos os grupos a este acordo malia os reparos de intervención.
Otero insiste, ante as críticas da Deputación que o acusan de estar a bloquer o investimento dun millón de euros para o arranxo a estrada que une Amoedo e Os Valos, de que o convenio está paralizado por causas alleas ao concello. Lembra que o goberno local xestionou os 41.000 euros solicitados pola Deputación para realizar as expropiacións necesarias e proceder á renovación
desta vía. Porén, a secretaría municipal sinalou que parte deses cartos, concretamente 11.000 euros, están destinados a expropiar terreos pertencentes no Concello de Redondela, o que considera un gasto improcedente para Pazos.
O Alcalde considera urxente esta actuación pero quere actuar con garantías legais. As opinións da Deputación, que manifestaba a plena legalidade do convenio, e da Secretaría municipal, que era contraria, eran coñecidas. Por iso lle solicitou asistencia xurídica á Deputación, para que esta emitira informe favorable cos seus criterios e poder asinar inmediatamente cun respaldo legal.
A negativa da Deputación a emitir un informe que ratifique a legalidade do seu propio convenio bloqueou a situación.
Sen embargo, no último Pleno municipal abriuse unha porta que permite desatrancar a situación. Todos os grupos da oposición municipal (PP, PSOE e BNG) manifestaron que o Alcalde debía ter asinado o convenio. Diante desta oportunidade, Luciano Otero tomou a decisión de levar a un pleno extraordinario o acordo coa Deputación. No caso de votaren todos os grupos a favor o alcalde comprométese a asinar o Convenio.