A Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA), organiza en Redondela a 3ª e última xornada da liga Galega de Fútbol Sala na que participan equipos de toda a comunidade e que terá lugar mañá mércores 2 de outubro nas instalacións do Pavillón Municipal ‘A Marisma’ de Redondela.
Unha cita que enfronta a 18 equipos de toda Galicia con case 150 deportistas que compiten en 3 categorías: Competición e Adaptada Masculina e Adaptada Feminina. Dende a organización, a secretaria xeral da Federación Susana García, explica que “cada ano participan máis deportistas e tamén aumentou o número de mulleres interesadas polo que este ano serán máis partidos que o anterior”.
Entre os integrantes da competición atópanse na categoría Competición a Fundación Celta Integrada, ASDAN , Difunga e San Rafael; Por outra banda, a categoría de Adaptada Masculina este ano está dividida en dous grupos, o Grupo “A” está composto polos equipos Fund. Celta I “A”, Juan María, Juan XXIII, Los Milagros “B” e San Rafael; o Grupo B está composto por Aspanaex, Fund. Celta I “B”, , Los Milagros “A”, Saladino Cortizo e ACEESCA; Por último, na categoría Adaptada Feminina atópanse ASPAVI, Méndez Núñez, Saladino Cortizo e Vilagarcía.
A competición terá lugar en horario de mañá a partir das 10.30 horas e cara o medio día comezará a entrega de trofeos. Xogarán dous tempos de 12 minutos a reloxo corrido.
Durante a entrega de trofeos estarán presentes a secretaria da Federación Susana García, o director técnico da Federación Domingo Salinas, a alcaldesa Digna Rivas e o Concelleiro de Deportes Iván Valles.