A Deputada provincial e a Plataforma veciñal pola mellora da EP-2702 coincidiron na urxencia de que o Concello de Pazos de Borbén aprobe canto antes o convenio para investir preto dun millón de euros no treito Amoedo – Os Valos, pasados máis de cinco meses desde que o goberno provincial remitira ao municipio o borrador do acordo, o 24 de abril. Logo dunha xuntanza convocada a instancias da Deputación, a deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo,solidarizouse coas demandas veciñais e conxurouse co colectivo para“lograr entre todos que Pazos de Borbén non perda esta oportunidade absolutamente crucial e actuación poida desbloquearse definitivamente”. Dito encontro produciuse en vésperas de que o convenio sexa sometido a votación nun pleno extraordinario no Concello, e nun prazo límite para que a Deputación poida planificar as obras previstas ata finais de 2024.
Logo de lamentar que se chegara a unha situación “absolutamente inédita”, Couselo aclarou que a reunión encádrase dentro dos “esforzos excepcionais” que está realizar o executivo para que o proxecto sexa unha realidade, malia que o interlocutor institucional da Deputación son por norma xeral os Concellos. “Noutros municipios os convenios apróbanse en 3 días, 20 días ou poucas semanas; pero Pazos de Borbén está a ser a excepción”, sentenciou.
“Está na man do Concello avanzar no proxecto, ou perder en 2024 un investimento ao que tamén teñen dereito outros municipios da provincia. Como Deputación temos que velar por todos eles”, agregou.
Couselo, quen se comprometeu a valorar a reforzar da sinalización da vía, subliñou non obstante que o proxecto Ensanche e mellora da seguranza viaria na EP 2702 Amoedo – Os Valos o “primeiro paso imprescindible” para afrontar actuacións futuras noutros treitos da estrada. Finalmente, a deputada de Infraestruturas subliñou que para a Deputación este proxecto foi unha prioridade desde o primeiro momento e amosou a súa confianza en que se desbloquee a situación.