Hoxe é Sábado 5 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela adxudica as obras de mellora da estrada de Outeiro de Reboreda

estrada outeiro

A actuación, que conta cun investimento de 165.000 euros e afectará a unha estrada de máis dun quilómetro, realizarase no último trimestre do ano. As obras consistirán na renovación de todo o pavimento e a mellora da drenaxe, cunha rede de recollida de pluviais co obxecto de evitar a acumulación de auga nas épocas de chuvia que ten provocado inundacións nalgunhas vivendas e garaxes.

A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade adxudicou este mes o contrato destas obras á UTE Oresa-Covisa por un importe de 165.821,90 euros. Os traballos, que contan cun prazo de execución de 4 meses, está previsto que comecen neste mes de outubro.

Villar explicou se trata dunha “intervención moi necesaria para renovar todo o pavimento da estrada e mellorar a drenaxe, cunha rede de recollida de pluviais que evitará a acumulación de auga nas épocas de chuvia”. Esta estrada, cunha lonxitude de 1.147 metros, comunica varios núcleos de poboación da parroquia. “As obras suporán tamén unha mellora para a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.

A nova rede de recollida de augas pluviais farase a todo o longo da estrada, polas marxes. Co fin de optimizar esta nova drenaxe instalaranse diferentes puntos de aliviadoiro da carga de augas pluviais. En canto ao novo pavimento, antes de proceder ao estendido da capa de rodaxe procederase ao fresado do aglomerado existente nas entradas das leiras onde a subida de cota poida supor un problema coas augas pluviais. Así mesmo, procederase á limpeza das cunetas e noiros do camiño. Posteriormente procederase ao varrido do firme actual e ao estendido da nova capa de rodaxe de aglomerado asfáltico en quente de 5 cm. de espesor final, estendido e compactado con medios mecánicos. A obra está subvencionada a través do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

Roberto Villar sinala que desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade “estase a avanzar na reparación e mellora das estradas e camiños do municipio, e o obxectivo é seguir nesta liña tanto con fondos propios do Concello como doutras administracións”. O concelleiro afirma que “malia as críticas do PP, estanse facendo avances nos arranxos das rúas, dentro do que nos permiten os orzamentos e as condicións meteorolóxicas”. “Aínda que non coa rapidez que nos gustaría, os traballos estanse facendo e hai unha mellora significativa nos camiños”, conclúe Villar.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará